A Xunta declara BIC o Castro de San Cibrao de Las

A Xunta declara Ben de Interese Cultural o Castro de San Cibrao de Las, un dos xacementos máis singulares e visitados de Galicia
Castro de San Cibrao de Las
18 Nov 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou9345 que o Consello aprobou a declaración do Castro de San Cibrao de Las como Ben de Interese Cultural (BIC). Situado nos concellos ourensáns de San Amaro e Punxín, é considerado “un dos xacementos arqueolóxicos máis singulares e visitados de Galicia e dos máis importantes desde o punto de vista cultural e histórico”.

A declaración farase oficial nos vindeiros días coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia. O novo BIC é clave para o coñecemento da Idade do Ferro, especialmente na súa fase final e no inicio do período romano, polo que a Xunta destaca a necesidade de garantir a súa protección e conservación para as xeracións futuras.

O expediente tamén subliña o bo estado de preservación do castro, cun 15 % da súa superficie xa escavada e musealizada. As intervencións realizadas permitiron descubrir vivendas, murallas, rúas pavimentadas, portas monumentais, alxibes e outros elementos estruturais, ademais de materiais arqueolóxicos como cerámicas, útiles líticos, obxectos de vidro, restos metálicos e moedas. Estas pezas son fundamentais para a investigación e divulgación da cultura castrexa.

A singularidade do enclave levou á Xunta a crear nel o Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, inaugurado en 2014. O centro permitiu consolidar os restos, aumentar a súa investigación e convertelo nun dos sitios arqueolóxicos máis visitados de Galicia.

Coa incorporación do Castro de San Cibrao de Las, Galicia suma xa 793 bens de interese cultural inscritos, unha cifra que reflicte o compromiso do Goberno galego coa protección e posta en valor do seu patrimonio.

Un exemplo de urbanismo castrexo planificado

O castro, situado a 20 quilómetros de Ourense, foi tradicionalmente identificado como un oppidum da transición da Era. As escavacións recentes amplían a súa ocupación entre os séculos II a.C. e II d.C., e mesmo se rexistran indicios de fases posteriores ata o colapso da muralla e o abandono definitivo no século XI.

Descríbese como un asentamento elevado formado por dous recintos ovais e concéntricos, cunha planificación urbanística que inclúe rúas pavimentadas, sistemas de canalización de auga e vivendas organizadas arredor dun patio central e agrupadas en barrios.

A variedade de elementos históricos, arqueolóxicos e naturais que conserva avala o seu valor científico e o seu carácter singular dentro do patrimonio galego.

⚙ Configurar cookies
0.42449307441711