A Xunta declara compatibles os eólicos coa paisaxe e abre novas vías ao eucalipto nos montes

Na “lei de acompañamento” dos Orzamentos da Xunta de Galicia para 2026, o Goberno autonómico introduce múltiples modificacións lexislativas con escasa relación coa política orzamentaria. Como xa é habitual, este recurso espúreo permite alterar leis de amplo impacto ambiental e social evitando a participación pública e incrementando a discrecionalidade administrativa.
O texto inclúe cambios significativos na Lei da paisaxe (7/2008), na Lei 10/2023 de medidas fiscais e administrativas, e na Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria, esta última vinculada á moratoria do eucalipto.
Compatibilidade dos eólicos coa paisaxe
A Xunta engade unha nova disposición á Lei da paisaxe para declarar que a instalación de parques eólicos e liñas de evacuación é compatible cos obxectivos de calidade paisaxística recollidos nas Directrices de paisaxe de Galicia. A medida obriga o funcionariado a outorgar prioridade a estes proxectos no proceso de informes e autorizacións.
A norma, que o presidente Alfonso Rueda xustifica como “axuste técnico”, lembra ao acordo do Goberno Fraga de 2002, cando se modificou o Plan sectorial eólico para declarar por decreto a compatibilidade das instalacións coas paisaxes galegas.
Organizacións ambientais denuncian que esta disposición conculca o Convenio Europeo da Paisaxe (ratificado en 2007) e baleira de contido os procesos de participación cidadá. Ademais, limítase o concepto de impacto paisaxístico crítico unicamente aos casos “nos que se produza unha perda permanente da calidade das condicións ambientais”, o que reduce o marxe de avaliación técnica.
Retroactividade e beneficios para o sector eólico
A norma modifica tamén a lei de acompañamento de 2024 para ampliar a presunción de interese público superior dos parques eólicos, aplicándoa de maneira retroactiva a proxectos iniciados con posterioridade ao 30 de decembro de 2022, e mesmo a outros anteriores que aínda non contasen con autorización de explotación.
Esta medida, que segundo expertos xurídicos podería vulnerar o principio de non retroactividade, beneficia á práctica totalidade dos proxectos eólicos en tramitación ou recorridos xudicialmente.
Novas excepcións á moratoria do eucalipto
A “lei de acompañamento” prorroga a moratoria do eucalipto até 2030, mais introduce dúas excepcións que abren a porta á expansión da especie:
Permitirase plantar eucaliptos en parcelas de piñeirais afectados pola praga da banda marrón, até o 50% da superficie, mentres o resto deberá repoboarse con coníferas ou frondosas.
Autorízase a substitución de masas de eucalipto por outras coníferas ou frondosas, mesmo entre parcelas de diferentes propietarios, o que podería facilitar procesos de concentración de terras por parte das pasteiras.
Para as organizacións ecoloxistas e sectores agrarios, estas modificacións confirman que a Xunta mantén unha política forestal orientada ao beneficio das grandes industrias, en detrimento da biodiversidade e do uso multifuncional do monte galego.