A Xunta defende que a regulación das gardas farmacéuticas garante o acceso equitativo da poboación ao servizo

A Xunta asegura que a planificación das gardas farmacéuticas permite garantir a continuidade asistencial e o acceso ao servizo en todo o territorio galego, tendo en conta tamén o descanso e a conciliación dos profesionais.
Natalia Lobato
6 Mar 2026

A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, defendeu no Parlamento de Galicia que a regulación das gardas farmacéuticas permite garantir o acceso da poboación á atención farmacéutica en condicións de equidade territorial, continuidade asistencial e sustentabilidade do servizo.

Durante a súa intervención na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego da Cámara galega, Lobato explicou que a planificación das gardas se realiza desde unha visión global que combina as necesidades da cidadanía co dereito ao descanso e á conciliación laboral e familiar das persoas profesionais.

Neste sentido, sinalou que o modelo baséase nun sistema de rotación de gardas no que participan diferentes oficinas de farmacia, permitindo así repartir a carga de traballo e garantir ao mesmo tempo a cobertura do servizo.

Atención farmacéutica no rural

A responsable autonómica lembrou que as características xeográficas e a dispersión poboacional de Galicia fan que existan farmacias en zonas rurais con maiores dificultades para manter a súa viabilidade económica.

Para responder a esta situación, a Xunta de Galicia declarou un total de 29 zonas farmacéuticas especiais, atendendo ás súas características demográficas, sanitarias e territoriais. Esta decisión foi adoptada segundo criterios previamente consensuados cos Colegios Oficiales de Farmacéuticos de Galicia.

Segundo explicou Lobato, esta medida busca garantir a continuidade da atención farmacéutica nas áreas máis vulnerables, especialmente no rural, onde o acceso aos servizos sanitarios pode resultar máis complexo.

Supervisión da planificación das gardas

Ademais, a Consellería de Sanidade verifica que os calendarios de gardas aprobados polos colexios oficiais de farmacéuticos, no exercicio das súas competencias, cumpren cos criterios establecidos pola normativa de ordenación farmacéutica.

Para iso, analízanse factores como a distribución territorial das farmacias, a densidade de poboación ou as características demográficas de cada zona, co obxectivo de garantir que toda a cidadanía conte cunha adecuada cobertura de atención farmacéutica.

0.29521203041077