A Xunta deixou sen gastar o 70 % dos fondos para acceso á vivenda en 2024

Carlos López Font acusa ao goberno galego de deixar sen executar 41 millóns de euros para vivenda e rexeitar máis de 12.000 solicitudes de axudas ao alugueiro.
Carlos Lopez
16 Apr 2025

O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Carlos López Font, denunciou este martes no Parlamento galego que a Xunta deixou sen executar 7 de cada 10 euros do Programa de Acceso á Vivenda durante o ano 2024. Font cualificou esta situación como “un fracaso” na xestión da política de vivenda por parte do goberno galego, especialmente ao comprobar que, ao mesmo tempo, rexeitaron 12.300 solicitudes para o Bono Alugueiro.

Segundo as cifras oficiais remitidas polo propio goberno galego, só se executou o 30,1 % do programa 451B, o que implica que 41 millóns de euros quedaron sen investir, a pesar de que moitos deses fondos proceden da Unión Europea e son transferidos a Galicia polo Goberno de España.

López Font presentou unha proposición non de lei instando á Xunta a executar os fondos dispoñibles, pero esta foi rexeitada polo PP, que “persiste no erro e abandona á cidadanía, especialmente á xente moza”, sinalou o deputado. “Non se apoia aos colectivos con maiores necesidades e non se complementan as axudas do Bono Alugueiro Mozo”, engadiu.

O parlamentario lembrou que en 16 anos de goberno do PP deixáronse sen executar 270 millóns de euros destinados a vivenda. Tamén acusou ao Executivo autonómico de “renunciar a iniciativas eficaces como o Banco Público de Alugueiro”, proposto polo PSdeG, que permitiría ofrecer prezos xustos para os inquilinos e seguridade para os propietarios.

López Font concluíu que “as políticas de vivenda do PP en Galicia están completamente afastadas das necesidades reais da poboación”.

⚙ Configurar cookies
0.098517894744873