A Xunta destaca a Triple Corona Illas Atlánticas como exemplo de equilibrio entre conservación e uso sostible dos espazos naturais

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, destacou o valor ambiental e a proxección internacional da proba a nado entre a Illa de Ons e Silgar, que este ano celebra o seu décimo aniversario cunha edición especial e actividades de concienciación.
Triple Corona Islas Atlanticas
18 Jul 2025

A Xunta de Galicia sinala a proba deportiva Triple Corona Illas Atlánticas como exemplo do equilibrio entre a protección e o uso sostible dos espazos naturais da Comunidade.

Durante a presentación do evento, a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, subliñou que esta actividade, que alcanza este ano a súa cuarta edición, suporá unha importante proxección nacional e internacional da riqueza natural do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Díaz incidiu no compromiso do Goberno galego con iniciativas que fomentan a responsabilidade, o respecto e a conservación do medio, ademais de concienciar sobre a importancia de protexer o medio ambiente.

A proba deportiva, que terá lugar o 6 de setembro, conmemora nesta edición especial o seu décimo aniversario cun percorrido simbólico: a travesía a nado entre a praia de Area dos Cans, na illa de Ons, e a de Silgar, no Concello de Sanxenxo.

Ao abeiro da competición organizaranse tamén varias actividades en colaboración co Parque Nacional: unha ruta guiada pola illa de Ons, un concurso de fotografía para escoller as tres mellores imaxes da illa e unha recollida de residuos na praia de Area dos Cans, baixo o lema Móllamonos polo medio ambiente, co obxectivo de reforzar a sensibilización ambiental.

Así mesmo, durante a travesía instalaranse colectores nos barcos de avituallamento para evitar calquera tipo de vertido ao mar. Calquera nadador que incumprira esta norma será automaticamente descalificado.

Como novidade, este ano celebrarase tamén unha proba infantil na praia de Silgar con dous percorridos: un de 50 metros para nenas e nenos de 5 a 8 anos, e outro de 150 metros para idades entre 9 e 13. As inscricións poderán realizarse ata o 25 de agosto na web www.championchipnorte.com.

Nesta edición participarán 130 nadadores e nadadoras procedentes de España, Portugal, Ucraína, Andorra, Francia e Italia, que percorrerán os 13 quilómetros que separan a illa de Ons de Sanxenxo. Dez destes atletas farano na categoría sen neopreno.

⚙ Configurar cookies
0.26897788047791