A Xunta destaca as sinerxías entre economía social e artesanía para a inserción laboral de persoas con discapacidade

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou hoxe en Ourense as sinerxías entre a economía social e a artesanía como ferramenta para favorecer a integración laboral das persoas con discapacidade. Durante a inauguración do foro Seres de Ben, que se celebra no Teatro Principal baixo o lema A creatividade humaniza, puxo en valor o labor dos centros especiais de emprego e a creatividade como apoio ao emprendemento.
No evento participaron tamén o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o director de Comercio e Consumo, Gabriel Alén. O conselleiro destacou a importancia da Artesanía de Galicia como exemplo de emprendemento ligado ao territorio e a aposta da Xunta por este sector a través da Fundación Artesanía de Galicia, como selo de identidade e calidade.
Esta aposta reflíctese no Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030, dotado con 320 millóns de euros, que inclúe máis de 70 actuacións para apoiar o comercio de proximidade. Entre elas, destacan as medidas para promover o relevo xeracional e fomentar novas vocacións emprendedoras vencelladas á artesanía.
O foro Seres de Ben conta con mesas redondas, conferencias e estreas audiovisuais con profesionais da marca Artesanía de Galicia e doutros ámbitos como a radio, o cine, a música e o movemento asociativo.