A Xunta destaca o éxito da campaña ‘Días Azuis’ ao mobilizar 3,5 M€ no comercio local

Máis de 134.000 vendas en 160 localidades e premios por ata 3.000 euros marcan o éxito da campaña ‘Días Azuis’, impulsada pola Xunta e a Federación Galega de Comercio.
Dias Azuis
29 Jun 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe en valor o éxito e a efectividade da campaña Días Azuis do Comercio Galego, que incentivou máis de 134.000 vendas en máis de 160 localidades galegas e mobilizou arredor de 3,5 millóns de euros no comercio de proximidade. Así o destacou durante a entrega de premios ás persoas gañadoras do sorteo da última edición desta iniciativa, promovida pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Comercio, co apoio das federacións provinciais, asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos e Abanca.

No acto, celebrado na Cidade da Cultura, participaron tamén a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas. Entregáronse 44 tarxetas de 250 euros e 60 de 150 euros para consumir no comercio minorista, así como unha tarxeta prepago de 3.000 euros como novidade este ano.

José González subliñou que a campaña exemplifica a colaboración público-privada como motor de resultados, destacando outras accións como ‘Xoga en equipo’ ou ‘Merca no teu comercio’, coas que se busca dinamizar o consumo local e fomentar o asociacionismo comercial.

Estas accións están recollidas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, cun investimento de 320 millóns de euros e máis de 70 medidas centradas na competitividade, dinamización e gobernanza do sector. A folla de ruta inclúe iniciativas como ‘Vilas vivas’, o programa ‘Localízate’, o impulso ao relevo xeracional e os bonos Activa Comercio.

⚙ Configurar cookies
0.28207087516785