A Xunta destaca o Plan de Transporte Público de Galicia, que en 2026 contará cun investimento de máis de 160 millóns de euros

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, puxo en valor no Parlamento de Galicia o investimento previsto pola Xunta para o Plan de Transporte Público de Galicia en 2026, que ascenderá a máis de 160 millóns de euros. Esta contía permitirá, segundo indicou, que o 97 % da poboación galega dispoña dunha parada de autobús interurbano a menos dun quilómetro do seu domicilio.
O investimento destinarase ao funcionamento das catro modalidades de transporte —interurbano, integrado, escolar e de apoio á mobilidade persoal— e ao mantemento das bonificacións como a Tarxeta Xente Nova e a tarifa +65, que permiten viaxar de forma gratuíta ata 60 veces ao mes a menores de 21 anos e maiores de 65.
Calvo lembrou que este plan contribuíu a mellorar de forma notable o servizo nos últimos anos, con 2.700 novas liñas, 38.800 paradas adicionais e 1,3 millóns de servizos máis que en 2016. Tamén destacou o incremento da demanda, con 38 millóns de persoas usuarias en 2024, o que supón un 64 % máis que en 2019.
Entre as melloras recentes, mencionou o reforzo de prazas e frecuencias en liñas como Fisterra-Cee, Ferrol-Ares-Mugardos, Betanzos-A Coruña ou Lugo-Santiago, así como axustes horarios para adaptarse aos horarios dos centros educativos.
O conselleiro sinalou tamén que a Xunta traballa na licitación de novos contratos como o do Barbanza, actualmente en fase de análise de alegacións, e o do sur de Pontevedra, onde se prevé unha reestruturación integral do servizo tras resolver os cinco contratos coa UTE Lugove.
Nesta área, a Xunta recolleu propostas dos 18 concellos afectados e convocaraos nas vindeiras semanas para abordar as melloras antes de sacar a licitación o novo contrato. Ata entón, garantiráse o transporte interurbano baixo as condicións actuais.
Calvo apuntou que as medidas adoptadas permitiron incrementar a demanda un 11 % no Baixo Miño e na conexión con Vigo en 2024, chegando ás 630.000 persoas usuarias, e insistiu en que o obxectivo é seguir ofrecendo un servizo público de calidade, útil e adaptado ás necesidades reais da cidadanía.