A Xunta destaca o Plan Obesidade Zero e reivindica o deporte como ferramenta clave contra o sedentarismo

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para responder sobre a elaboración dun plan para reducir a obesidade e o sobrepeso a través do deporte. Lete destacou que a obesidade é "unha pandemia silenciosa" que xa afecta ao 60% das persoas adultas en Europa, segundo a OMS, e puxo en valor o traballo da Xunta en múltiples direccións.
Recordou a aprobación en setembro de 2022 do Plan Obesidade Zero, único plan integral contra a obesidade aprobado no Estado, co obxectivo de reducir o sobrepeso nun 15% da poboación galega en 2030. Isto suporía que unhas 189.000 persoas deixen de ter sobrepeso ou obesidade. O Plan naceu do consenso entre sectores sociais e conta co aval de once sociedades científicas, polo que debe ser o marco de referencia para avanzar nesta loita.
Lete explicou que a Xunta está a desenvolver múltiples accións para fomentar a actividade física regular e combater o sedentarismo. Entre elas destacou:
O programa DAFIS, con preto de 68.000 avaliacións físicas a escolares galegos.
Unha estratexia piloto de promoción da actividade física no ámbito laboral.
O proxecto 'Adestra a túa saúde', que impulsa a prescrición de actividade física como intervención preventiva.
Accións tecnolóxicas, de sensibilización social e capacitación profesional.
O secretario xeral reivindicou tamén a necesidade de regular as profesións deportivas, como garantía de saúde para a poboación e de protección para os usuarios. Pediu ao Goberno do Estado que cumpra coa Lei do Deporte (Lei 39/2022) e redacte un proxecto lexislativo que estableza os dereitos e obrigas dos profesionais do deporte.
Lete Lasa pechou a súa intervención destacando os datos positivos de actividade deportiva en Galicia: máis de 150.000 nenos e nenas (o 60% dos escolares entre 6 e 16 anos) están inscritos no programa Xogade, e hai preto de 320.000 licenzas federativas, o que representa o 11,1% da poboación galega.