A Xunta destaca o potencial do sector audiovisual nun día histórico para Lugo: a celebración dos Premios Mestre Mateo

Ao longo da noite entregaranse 25 premios entre máis dun cento de candidaturas finalistas, tanto individuais como colectivas
LUGO mestre mateo 2026
21 Mar 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asiste esta noite en Lugo á gala de entrega dos XXIV Premios Mestre Mateo, unha cita clave do audiovisual galego que recoñece o mellor da produción cinematográfica e televisiva realizada durante o ano 2024.

O evento, organizado pola Academia Galega do Audiovisual, conta co apoio da Xunta de Galicia mediante un convenio de colaboración que achega 70.000 euros para a súa organización e actividades complementarias, ademais da implicación da marca Galicia Calidade. O titular de Cultura acode acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Durante a súa intervención, López Campos puxo en valor “o magnífico panorama de creación artística e o crecente potencial de proxección dentro e fóra de Galicia” que caracteriza ao audiovisual galego actual, ao tempo que felicitou aos profesionais e equipos que fan posible o desenvolvemento deste sector.

A cidade de Lugo acolle por primeira vez esta cerimonia, que se celebra no Auditorio Fuxan os Ventos baixo a dirección da realizadora Marta Arévalo. Na gala participan máis de 150 técnicos pertencentes a medio cento de empresas, mentres que a presentación corre a cargo da actriz Trisha Fernández e do actor Federico Pérez.

Ao longo da noite entregaranse 25 premios entre máis dun cento de candidaturas finalistas, tanto individuais como colectivas. Ademais, concederase o galardón de honra Fernando Rey á lingüista e tradutora Rosa Moledo. Como novidade nesta edición, habilitarase un segundo escenario con espectáculo en directo, conducido polo cómico Rafa Durán.

No apartado de candidaturas, todas as obras que optan a Mellor longametraxe de ficción —Antes de nós, Sirat, As liñas descontinuas e San Simón— contaron co apoio económico da Xunta a través das súas liñas de axuda á produción e coprodución audiovisual. Tamén recibiron respaldo autonómico outras propostas finalistas, como as curtametraxes Abellón, Adeus Berta, Algo novo que contar, Lucus e O corpo de cristo, a serie Bibopalula ou os documentais 360 curvas, Deuses de pedra e O silencio herdado.

A colaboración coa Academia Galega do Audiovisual forma parte da estratexia de apoio ao sector que desenvolve o Goberno galego, centrada especialmente nas convocatorias anuais de subvencións que abranguen todo o proceso audiovisual, desde a creación ata a distribución. Para o ano 2026, a Xunta prevé destinar máis de 6,7 millóns de euros a estas liñas de axuda.

0.37148499488831