A Xunta destaca que Galicia acadou en 2025, por terceiro ano consecutivo, a maior ratio de escolarización infantil do Estado

O 64,3 % dos nenos e nenas de 0 a 3 anos están escolarizados en Galicia, 15 puntos por riba da media estatal, nun contexto no que esta etapa educativa é 100 % gratuíta por cuarto curso consecutivo.
Escuela Infantil
31 Dec 2025

Galicia pecha o ano 2025 como a comunidade autónoma coa maior ratio de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil, por terceiro ano consecutivo, segundo os datos oficiais do Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes.

En concreto, o 64,3 % dos nenos e nenas de entre 0 e 3 anos acoden a unha escola infantil en Galicia, unha porcentaxe que se sitúa 15 puntos por riba da media estatal, fixada no 49,2 %.

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, subliñou que estes datos reflicten o bo funcionamento das políticas de conciliación impulsadas pola Xunta de Galicia. Neste sentido, lembrou que este é o cuarto curso consecutivo no que a educación infantil de 0 a 3 anos é totalmente gratuíta en todos os centros da comunidade, tanto públicos como privados ou de iniciativa social.

A gratuidade desta etapa educativa é unha medida pioneira da Xunta de Galicia que ten como obxectivo apoiar ás familias e favorecer a conciliación laboral e familiar. Para consolidar este modelo, o Executivo autonómico reforzará a iniciativa no vindeiro ano cun investimento de 68 millóns de euros de fondos propios, ante a ausencia de financiamento estatal específico para esta finalidade.

Grazas a esta política, arredor de 32.000 familias galegas benefícianse dun servizo de educación infantil gratuíto de 8 horas diarias durante 11 meses ao ano, o que supón un aforro medio de 3.000 euros anuais por fillo ou filla.

Outros recursos de conciliación

Xunto á escolarización gratuíta, Galicia desenvolveu outros recursos específicos para apoiar ás familias, especialmente no rural. Entre eles destacan as casas niño, que atenden ata cinco nenos e nenas de 0 a 3 anos de forma gratuíta en concellos con baixa poboación e que xa están implantadas en máis de 100 localidades.

Outra das medidas impulsadas pola Xunta é o Bono Concilia Familia, destinado a facilitar a conciliación nos períodos non lectivos. En 2025, esta axuda chegou a preto de 14.000 unidades familiares, permitindo sufragar gastos como campamentos, ludotecas ou servizos de atención especializada no fogar. O Goberno galego destina a este programa un investimento de 2,5 millóns de euros.

⚙ Configurar cookies
0.34096097946167