A Xunta destina 5,3 millóns á compra de vacinas contra o pneumococo

A Xunta de Galicia destinará máis de 5,3 millóns de euros á adquisición de vacinas fronte ao pneumococo co obxectivo de manter o calendario de inmunización, que o Goberno galego define como “o máis completo do mundo”.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou da autorización da compra de 110.000 doses da vacina 20 valente, que permitirá cubrir as necesidades de vacinación durante un período de 12 meses.
A vacina está indicada para bebés aos 2, 4 e 6 meses, cunha dose de reforzo aos 11 meses. Ademais, tamén se administra ás persoas ao cumprir 65 anos e a determinados grupos de risco, como pacientes inmunodeprimidos ou con enfermidades graves.
A infección pola bacteria Streptococcus pneumoniae pode provocar enfermidades leves, pero tamén outras de carácter grave como pneumonía, meninxite ou sepsis, cun maior risco de mortalidade.
Segundo destacou o Executivo autonómico, a vacinación contribúe a reducir estas complicacións, así como o uso de antibióticos e as resistencias asociadas.
Galicia conta cunha cobertura vacinal superior á media estatal, acadando o 97% na poboación infantil con pauta completa e dose de reforzo. No caso das persoas de 65 anos, a cobertura sitúase no 52,6%.
Ademais, a Xunta prevé ampliar o calendario de vacinación nos vindeiros meses coa incorporación dunha nova vacina fronte ao meningococo B, que se administrará a adolescentes de 12 anos.