A Xunta destina 600.000 euros a estancias formativas de mozas e mozos en países da UE

A Xunta de Galicia destinará en 2026 un total de 600.000 euros para facilitar que persoas mozas en situación de vulnerabilidade realicen estancias formativas non laborais de catro meses en empresas doutros países da Unión Europea. A iniciativa enmárcase na segunda edición do programa Galicia Moza con Alma, cuxa convocatoria publica este martes o Diario Oficial de Galicia.
O programa, impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está dirixido a mozas e mozos con baixo nivel formativo, en situación de desemprego de longa duración, empadroados en concellos rurais ou en risco de exclusión social, co obxectivo de favorecer o seu acceso ao emprego ou á formación.
A convocatoria permitirá desenvolver ata catro proxectos, cun máximo de cinco participantes cada un, polo que un total de 20 persoas mozas poderán beneficiarse deste programa de inclusión social. Como novidade nesta segunda edición, increméntase a duración da experiencia en 30 días, ata un máximo de 180 xornadas.
As entidades privadas sen ánimo de lucro interesadas en participar poderán presentar as súas solicitudes desde mañá e ata o 2 de marzo.
Tres fases do programa
Galicia Moza con Alma, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo Plus – Galicia 2021-2027, estrutúrase en tres fases. A primeira delas desenvólvese en Galicia e inclúe unha preparación sociolingüística, intercultural e organizativa previa á mobilidade, cunha duración de entre 75 horas e un mes.
Na segunda fase, as persoas participantes realizarán prácticas formativas non laborais durante un período de entre tres e catro meses en empresas, entidades ou institucións doutros países da Unión Europea, contando en todo momento cun sistema de titorización.
A terceira fase corresponde ao seguimento tras o regreso a Galicia, na que as persoas participantes recibirán apoio personalizado para facilitar a súa inserción laboral ou a continuidade da súa formación, incluíndo un plan complementario de competencias para o emprego.
Este programa forma parte das 133 medidas do Plan estratéxico de xuventude 2025-2027, dotado con máis de 700 millóns de euros, que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida, as competencias e a participación activa da mocidade galega.