A Xunta destina case 21 M€ a subvencionar servizos e programas de inclusión social nos próximos dous anos

O Consello da Xunta aprobou unha nova orde de subvencións plurianuais (2025-2027) dirixida a entidades de iniciativa social para a prestación de servizos sociais comunitarios e de inclusión. Cun orzamento de 20,8 millóns de euros —un 6 % máis que na convocatoria anterior (1,1 M€ extra)—, supón a contía máis alta destinada nunca na Comunidade a estes fins, segundo destacou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.
Estas axudas, cofinanciadas parcialmente co Fondo Social Europeo Plus 2021-2027, permitirán financiar entre o 1 de maio de 2025 e o 30 de abril de 2027:
Centros de inclusión e emerxencia social: comedores sociais, albergues, centros de acollida…
Programas de integración sociolaboral de persoas inmigrantes e outras en situación ou risco de exclusión social.
Liña específica de apoio a persoas sen fogar para impulsar a súa inclusión residencial.
O carácter plurianual desta orde responde ás peticións do Terceiro Sector, pois ofrece ás entidades beneficiarias maior estabilidade orzamentaria e reduce a súa carga administrativa. Na anterior convocatoria (2023-2025) foron beneficiadas 104 entidades.