A Xunta destina máis de 95 millóns de euros a actuacións clave nos concellos da área de influencia de Pontevedra, Caldas e O Morrazo

A Xunta de Galicia destina máis de 95 millóns de euros a actuacións clave nos concellos da área de influencia de Pontevedra, Caldas e O Morrazo dentro do proxecto de Orzamentos 2026, segundo explicou este luns o delegado territorial, Agustín Reguera.
O total de investimento previsto na provincia de Pontevedra supera os 4.083 millóns de euros, nunha aposta que Reguera cualificou de “histórica” polo desenvolvemento das infraestruturas e o impulso de servizos esenciais como a vivenda e a sanidade.
Vivenda e solo público
En Pontevedra, a Xunta destinará máis de 14,2 millóns de euros á construción de Viviendas de Promoción Pública, con 300 xa en marcha e o obxectivo de superar as 2.000 vivendas nos barrios de Valdecorvos, Tafisa e A Parda.
Ademais, a Consellería de Vivenda e Infraestruturas reservará 38 millóns de euros para axudas á promoción de vivendas colaborativas (cohousing) en Pontevedra e Porriño, e investirá 13 millóns de euros no desenvolvemento de solo para vivenda protexida en Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Marín.
Sanidade e infraestruturas
O novo Hospital Montecelo, que entra na súa fase final, contará cunha partida de 32,2 millóns de euros. Tamén se destinan fondos para o convento de Santa Clara (1,5 M€), a ampliación de O Campiño (1,6 M€), o CIF e a rehabilitación de Lourizán (1,4 M€), a mellora da eficiencia enerxética nos edificios administrativos e na AGASP (1 M€ en total) e a remodelación dos Xulgados da Parda (123.600 €).
No ámbito deportivo, prevese investir 1,25 millóns de euros na mellora da piscina do CGTD, dos pantanais de Verducido e do Centro de Alto Rendemento de Galicia. Tamén se contemplan actuacións no dragado do río Lérez (500.000 €), na Variante de Alba (250.000 €), no novo Punto de Encontro Familiar (500.000 €) e nun parque canino (85.000 €).
Investimentos en Caldas e O Morrazo
En Marín, destacan a mellora do CEIP O Seixo, a restauración da igrexa de Santa María de Oporto e o saneamento municipal de Mogor (3,3 M€). En Poio, destínanse fondos para o saneamento de Portocampelo e o parque de Fragamoreira (240.000 €).
Tamén se inclúen o CEIP Plurilingüe Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro (711.000 €), os centros de saúde de Barro (900.000 €), Moaña (2,2 M€) e Cangas (600.000 €), así como a rehabilitación do peirao de O Meixoeiro (650.000 €) e a mellora da illa de Ons, en Bueu.
Na comarca de Caldas, haberá investimentos para previr inundacións nos ríos Ulla e Sar e un novo aeródromo e base de unidades operativas contra incendios en Valga. Ademais, destínanse 140.000 € para melloras no IES de Valga, 1,5 millóns no IES Plurilingüe Aquis Celenis, 348.000 € no CEIP San Clemente de César, 600.000 € no Centro de Saúde de Caldas de Reis e 483.000 € para a mellora enerxética dos xulgados.
Por último, tamén se inclúe a nova Base de Unidades Operativas de Portas e a actuación no CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, con 1,1 millóns de euros.
O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta “cos problemas reais da cidadanía” e a aposta por sectores “especialmente sensibles como a vivenda, o medio ambiente, a sanidade e a educación”.