A Xunta destina preto de 29 millóns en trece anos para garantir a saúde e vitalidade do monte galego

Para o control da avespiña do castiñeiro liberáronse máis de 7 millóns de exemplares de parasitoides e investíronse 10 millóns de euros
zona-bosque-río-Rato-Lugo
12 Sep 2026

A Xunta de Galicia destinou preto de 29 millóns de euros desde 2013 a actuacións destinadas a garantir a saúde e a vitalidade do monte galego, segundo recolle o informe elevado hoxe ao Consello do Goberno autonómico. Os traballos están dirixidos principalmente á prevención e control de doenzas e pragas forestais mediante métodos de loita integrada, especialmente naqueles casos nos que é necesario empregar medios extraordinarios que non poden ser asumidos polos particulares.

Entre as principais actuacións destacan as desenvolvidas para combater a avespiña do castiñeiro, causada polo insecto Dryocosmus kuriphilus. Entre 2015 e 2025, a Xunta liberou máis de sete millóns de exemplares de parasitoides, insectos que viven nos organismos causantes da praga e que terminan eliminando o seu hóspede. A estratexia de control desta praga supuxo un investimento de preto de 10 millóns de euros.

Ademais, o Goberno galego levou a cabo actuacións de control fronte a outras doenzas e pragas forestais, como o cancro do castiñeiro, o gurgullo do eucalipto, a banda marrón do piñeiro, a lagarta peluda ou a altica dos carballos.

A Xunta mantén tamén importantes redes de detección de danos nas masas forestais galegas, consideradas fundamentais para identificar de maneira temperá a presenza de axentes prexudiciais nos bosques. De forma complementaria ás actuacións de control, tamén se realizan labores destinados a manter a saúde e a vitalidade dos montes de xestión pública.

No ámbito da mellora da infraestrutura forestal, a Xunta está a desenvolver un importante traballo de modernización da rede de viveiros públicos galegos, formada por oito instalacións. Tres delas están na provincia da Coruña, concretamente o Centro de Sementes Forestais de Galicia, en Carballo, o viveiro de Santa Cruz, en Oleiros, e o da Falmega, en Oroso. Na provincia de Lugo sitúanse os de Sambreixo, en Guitiriz, e Os Trollos, en Bóveda; en Ourense están os da Chaira, en Pereiro de Aguiar, e dos Milagros, en Maceda; mentres que o viveiro de Areas está localizado na provincia de Pontevedra.

Estas instalacións desenvolven, entre outras funcións, traballos de conservación dos recursos xenéticos e de apoio ás políticas ambientais. Neste marco, estanse a executar obras de reforma, acondicionamento e mellora no Centro de Sementes Forestais de Galicia (Semfor), situado en Carballo, que se encarga de procesar os froitos e sementes das principais especies arbóreas para o seu subministro aos viveiros de toda Galicia. Estas actuacións contan cun investimento de 1,5 millóns de euros.

Tamén se está a traballar na adecuación das instalacións dos viveiros de Santa Cruz e Os Trollos, co obxectivo de reforzar a vertente divulgadora da cultura forestal. Estas actuacións dispoñen dun orzamento conxunto de preto de 450.000 euros.

A Xunta ten previsto acometer proximamente traballos de mellora no viveiro da Falmega para optimizar as actuacións de loita integrada contra as doenzas e pragas forestais, conservar os recursos xenéticos forestais, mellorar o manexo de plantas e sementes e fomentar a divulgación e comunicación da cultura forestal. Con estas actuacións preténdese dar resposta ás necesidades actuais neste ámbito.

O conxunto destas medidas enmárcase nos obxectivos da revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, orientado «cara á neutralidade carbónica», e reforza o compromiso de Medio Rural cos programas de conservación e mellora xenética forestal.

0.45002198219299