A Xunta destina preto de 4 millóns de euros á dixitalización, modernización e sustentabilidade de 730 comercios locais e artesáns

A Xunta de Galicia apoiou este ano a preto de 730 comercios minoristas e talleres artesáns cun investimento de case 4 millóns de euros para fomentar a dixitalización, modernización e sustentabilidade do comercio de proximidade.
Shimano
7 Oct 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o local de New Bikes, un establecemento da empresa Boamorte Bikes, beneficiario dunha axuda de preto de 20.000 euros dentro da convocatoria destinada ao impulso da dixitalización, modernización e sustentabilidade do comercio local e artesán.

Situada en Sanxenxo, esta tenda foi unha das 730 beneficiarias das axudas da Xunta, que supuxeron un investimento conxunto de case 4 millóns de euros co obxectivo de reforzar o comercio de proximidade e apoiar a súa adaptación aos novos retos do mercado.

Durante a visita, Reguera salientou o compromiso da Xunta co pequeno comercio, que cualificou de “imprescindible para manter a vida, a convivencia e a cultura dos nosos barrios”. O delegado destacou ademais o papel destes establecementos como “xeradores de emprego e dinamizadores económicos dos cascos urbanos dos concellos galegos”.

Nesta edición, unificáronse por primeira vez as tres liñas de apoio —dixitalización, modernización e sustentabilidade— co obxectivo de simplificar a tramitación administrativa e favorecer actuacións que contribúan á implantación dun modelo comercial innovador e sostible nas cidades e vilas de Galicia.

As tres liñas de axuda, compatibles entre si, pretenden apoiar o sector para que poida adaptarse ás novas tendencias de consumo mediante a introdución de tecnoloxías dixitais, a mellora da imaxe e equipación dos establecementos e o avance no compromiso ambiental, a través do uso de materiais de embalaxe con baixa pegada de carbono, eliminación de plásticos e adaptación dos envases ao tamaño real dos produtos.

⚙ Configurar cookies
0.32639312744141