A Xunta destina preto de dous millóns de euros aos centros de saúde da provincia de Ourense

A Xunta de Galicia acaba de completar un plan de reforzo tecnolóxico da Atención Primaria para a adquisición de equipamento de última tecnoloxía nos centros de saúde e puntos de atención continuada (PAC) da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, cun investimento de 1.970.938 euros.
Con estas achegas, o Goberno galego pretende reforzar a súa capacidade asistencial, potenciando o traballo da enfermaría e favorecendo unha atención máis resolutiva, próxima e eficiente.
Este orzamento forma parte dun plan máis amplo que permitiu renovar e ampliar o equipamento dos 103 centros de atención primaria e 14 PAC da provincia, con 85 espirómetros para a valoración da función pulmonar; 19 retinógrafos para cribado e seguimento de patoloxías da retina; 45 gasómetros, fundamentais no control de agudizacións respiratorias e outras situacións clínicas; 44 analizadores de hemoglobina glicada, que reforzan os programas de seguimento e control dos pacientes con diabete; e 111 equipos MESI mTABLET, unha innovadora plataforma multifunción para diagnóstico integral.
Con estes novos equipamentos reforzaranse os diversos programas de seguimento de pacientes crónicos que se realizan habitualmente desde Atención Primaria e facilitarán o diagnóstico precoz e cribado de pacientes de risco de diversas patoloxías, permitindo unha atención completa desde o propio centro de saúde, reducindo derivacións innecesarias e mellorando a calidade dos controis clínicos.
Entre os dispositivos incorporados, o Sergas destaca a tecnoloxía “MESI mTABLET”, equipos de última xeración que supoñen o investimento máis elevado, superando a metade da partida, cun custo global en Ourense de 1.383.393 euros. Trátase dunha tableta portátil que integra múltiples probas diagnósticas nun único dispositivo, facilitando o traballo asistencial da enfermaría e mellorando a capacidade resolutiva dos centros de saúde.
Por outra banda, investiranse 333.356 euros en novos retinógrafos para reforzar o programa de seguimento de pacientes crónicos, clave na diabetes e na detección temperá da retinopatía diabética e outras patoloxías oculares, dentro do programa de teleoftalmoloxía que se desenvolve en primaria desde hai anos. A chegada destes 19 retinógrafos permite renovar os existentes e distribuílos a todos os Servizos de Atención Primaria, nas cabeceiras de comarca. Ao ser equipos “non midriáticos”, permiten facer exploracións de retina sen dilatar as pupilas, eliminando molestias e permitindo facer vida normal tras a proba.
O obxectivo é facilitar aos profesionais o seguimento das persoas con diabete e realizar un cribado precoz doutras alteracións da retina, como degeneración macular, glaucoma ou retinopatías vasculares. Ademais, os resultados poden ser avaliados rapidamente mediante interconsulta telemática co servizo de Oftalmoloxía de referencia, reducindo tempos de espera e mellorando a coordinación asistencial.
Paralelamente á chegada e distribución dos equipos, a Subdirección de Enfermaría da Área Sanitaria desenvolveu un plan de formación intensivo que percorreu todos os centros desde o verán, con sesións adicionais en outubro para incluír ao persoal que non puido asistir inicialmente e aos novos incorporados. Grazas a esta formación, todo o equipamento xa está en uso diario nas consultas de Atención Primaria.
Finalmente, a Guía de Acollida para o persoal, elaborada pola Subdirección de Enfermaría, inclúe un manual sobre o funcionamento dos novos equipos, así como información sobre a organización e os programas máis usados en Atención Primaria, desde a historia clínica electrónica (IANUS) ata aplicacións para o seguimento domiciliario de pacientes e programas de cronicidade e saúde comunitaria.