A Xunta detecta un novo foco de gripe aviaria en aves silvestres en Moaña

A Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación a detección dun novo foco de influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP) nun exemplar de ave silvestre localizado no concello de Moaña.
Trátase dunha gaivota patiamarela (Larus michahellis) que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo-Cotobade, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. O exemplar foi sometido a análise laboratorial, confirmando o resultado o Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). O cadáver foi eliminado conforme á normativa vixente.
Con este novo foco, xa son cinco os notificados en Galicia no que vai de 2026. Desde a Xunta lembran que non existe ningún caso detectado en aves de curral na comunidade, lanzando unha mensaxe de tranquilidade, aínda que apelando á prudencia.
No conxunto do Estado, no actual período de vixilancia anual —desde o 1 de xullo— rexistráronse 156 focos en aves silvestres, oito deles desde o 1 de xaneiro de 2026, unha cifra superior á doutros anos. A situación epidemiolóxica en Europa tamén presenta un número elevado de casos nos últimos meses.
Medidas preventivas en vigor
As medidas preventivas adoptadas polo Ministerio o pasado 13 de novembro seguen en vigor en todo o territorio español. Estas disposicións buscan evitar o contacto directo ou indirecto entre aves domésticas e aves silvestres, especialmente nun contexto de migración estacional e baixada das temperaturas.
A Consellería do Medio Rural insiste en extremar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas galegas, tanto industriais como familiares, reforzando a vixilancia e comunicando de inmediato calquera sospeita aos Servizos Veterinarios Oficiais. No caso das aves silvestres, as incidencias poden notificarse a través do teléfono 012.
O serotipo detectado, H5N1, presenta un carácter zoonótico limitado, mais recoméndase non manipular aves enfermas ou mortas e informar ás autoridades competentes.