A Xunta e a Fundación Otero Pedrayo avanzan no deseño das actividades para conmemorar o Ano Oteriano

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reunirase o vindeiro mércores, 25 de febreiro, coas principais institucións culturais galegas co fin de “contar con todas elas para avanzar xuntos no deseño de actividades do Ano Oteriano”. Así o adiantou esta mañá durante a súa visita á Fundación Otero Pedrayo, na que estivo acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
O 2026 foi declarado Ano Oteriano polo Parlamento de Galicia, coa unanimidade de todos os grupos, con motivo de cumprirse o cincuenta aniversario do seu pasamento, así como o centenario da publicación de Guía de Galicia, unha da súas grandes obras.
Respecto ao encontro programado para a vindeira semana, Campos salientou que “a homenaxe ao considerado por todos os galegos e galegas como Patriarca das Letras Galegas debe contar coa máxima implicación, cultural e social”. Para lograr este obxectivo, a Xunta buscará coa colaboración dos principais axentes culturais deseñar unha programación “o máis completa e transversal posible onde se recollan as propostas, actividades e iniciativas de todas as institucións culturais galegas”. A finalidade, insistiu, é acadar “a posta en valor e a maior difusión da relevancia da súa figura e valioso legado para o pensamento e identidade da Galicia contemporánea”.
O responsable de Cultura puxo en valor a figura de Otero Pedrayo “como un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia” e o “representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e co compromiso coa nosa terra”.
Otero Pedrayo foi un dos fundadores do Grupo Nós e da Editorial Galaxia, da que foi o primeiro presidente, e membro das Irmandades da Fala, ademais de mestre, ensaísta, xeógrafo, novelista e político, como membro do Partido Galeguista.
A celebración do Ano Oteriano, explicou, “non só como recoñecemento institucional, cultural e social, senón para artellar entre todos unha programación que estará á altura de dignificalo aínda máis e manter acesa a vixencia actual da súa importante herdanza”.