A Xunta e as universidades galegas reforzan a Rede de cooperación universitaria para o desenvolvemento

O Consello da Xunta autorizou este luns o convenio de colaboración coas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo para fortalecer a Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD), cun investimento total de 95.000 euros repartido en dúas anualidades.
A Xunta achegará 80.000 euros, dos que 40.000 corresponderán a 2026 e os outros 40.000 a 2027. Pola súa banda, as tres universidades contribuirán con 15.000 euros, 5.000 cada unha, ao longo destas dúas anualidades.
O acordo busca mellorar as capacidades da RGCUD e reforzar o papel das universidades galegas como axentes de cooperación. Neste ámbito, o Sistema Universitario Galego conta cunha ampla experiencia e ten colaborado coa Xunta no apoio a proxectos de cooperación para o desenvolvemento.
A Administración autonómica mantén a súa colaboración coa Rede desde 2014. Ata 2021, o investimento acumulado superou os 384.210 euros. Ese ano asinouse un acordo anual de 40.000 euros que permitiu avanzar na implantación do I Plan Estratéxico da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento 2020-2030. Posteriormente, a colaboración continuou con acordos en 2022 e 2023, dotados con 100.000 euros, e cun novo convenio en 2024 por 80.000 euros para dúas anualidades.
Segundo a Xunta, este apoio contribuíu á creación, consolidación e fortalecemento da rede, así como ao reforzo das capacidades das universidades galegas neste ámbito. Tamén permitiu impulsar a formación continua do persoal universitario e identificar proxectos, colaboracións e iniciativas de cooperación nos que participan as tres universidades.
A cooperación galega establece entre os seus obxectivos o fortalecemento da capacidade institucional dos axentes de cooperación para ampliar o alcance das súas actuacións, mediante medidas de formación, capacitación e apoio. Neste contexto, as universidades ocupan un papel destacado que o Goberno galego pretende seguir potenciando.
O Plan anual da cooperación galega tamén aposta por afondar na colaboración coas universidades nos ámbitos da investigación, a formación e a sensibilización sobre cooperación para o desenvolvemento, así como na aplicación da Axenda 2030. A Xunta considera a RGCUD un elemento clave para consolidar o Sistema Universitario Galego como un actor relevante da cooperación para o desenvolvemento.