A Xunta eleva a laranxa a alerta por calor en varias zonas de Ourense e Pontevedra

Quedan suspendidas as actividades deportivas no exterior durante todo o día en 58 concellos de Ourense e 16 do interior de Pontevedra
temperatura-termometro-calor
6 Aug 2025

A Xunta de Galicia eleva a nivel laranxa a alerta por altas temperaturas en varias zonas do interior da comunidade, segundo o Plan de Actuacións fronte aos posibles efectos das ondas de calor na saúde. A medida afecta aos concellos das zonas isoclimáticas do Miño de Ourense, montaña de Ourense, noroeste de Ourense, Valdeorras e o interior de Pontevedra. Ademais, os concellos do interior da Coruña atópanse en nivel amarelo.

Meteogalicia informa este mércores de que persiste o aire cálido sobre o territorio, con temperaturas moi elevadas no interior, mentres que nas zonas costeiras a entrada de brétemas está a suavizar os valores térmicos.

Ante esta situación, a Secretaría Xeral para o Deporte ordenou a suspensión de toda a actividade deportiva federada ao aire libre durante a xornada de hoxe en 58 concellos de Ourense e noutros 16 do interior de Pontevedra. Só se exceptúan as actividades acuáticas, aínda que se recomenda evitar a súa práctica nas horas centrais do día, entre as 12:00 e as 17:00 horas.

Entre os concellos afectados na provincia de Ourense atópanse localidades como Ourense, Barbadás, A Rúa, Verín, O Barco de Valdeorras, Maceda, Ribadavia, Viana do Bolo, Celanova, Castro Caldelas, Manzaneda ou Trives, así como outros menos poboados como Padrenda, Riós, O Pereiro de Aguiar, Vilariño de Conso, Cortegada ou Vilamarín, abarcando amplas zonas do Miño, da montaña e de Valdeorras. No caso de Pontevedra, inclúense concellos como Lalín, A Estrada, A Cañiza, Forcarei, Rodeiro, Covelo, Agolada, Vila de Cruces, entre outros do interior da provincia.

A Xunta insiste na necesidade de adoptar medidas de precaución ante a calor extrema, especialmente nos colectivos vulnerables, e lembra a importancia de manterse hidratado, evitar a exposición solar prolongada e estar atentos a posibles síntomas relacionados coas altas temperaturas.

⚙ Configurar cookies
0.22762393951416