A Xunta eleva ata case un millón de euros as axudas para paliar os danos causados polo lobo

Con este incremento, o Goberno galego pretende atender parte das peticións que quedaron pendentes debido ao aumento dos danos
Lobo-recurso
20 Nov 2026

A Xunta de Galicia incrementou ata os 995.374 euros o orzamento destinado ás axudas para compensar os danos ocasionados polo lobo nas explotacións gandeiras. A ampliación busca dar resposta ao aumento das solicitudes recibidas por parte dos titulares de explotacións afectados, unha demanda que non puido ser atendida na súa totalidade cos fondos previstos inicialmente.

Segundo recolle este venres o Diario Oficial de Galicia (DOG), a dotación orixinal, fixada en 597.724 euros, aumenta agora en 397.650 euros, o que sitúa o crédito dispoñible preto do millón de euros.

Con este incremento, o Goberno galego pretende atender parte das peticións que quedaron pendentes debido ao aumento dos danos provocados polo lobo. A Xunta considera imprescindible ampliar o número de persoas beneficiarias para contribuír a garantir a continuidade e viabilidade das explotacións gandeiras inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia.

A orde establece tamén que aquelas solicitudes que non poidan ser atendidas por falta de dispoñibilidade orzamentaria poderán ser asumidas con cargo á convocatoria do exercicio seguinte, sempre que esta chegue a producirse.

0.65407395362854