A Xunta emite recomendacións sanitarias para protexer á poboación fronte ao fume e as cinzas dos incendios

A Xunta publica consellos para reducir os riscos do fume dos incendios, como limitar saídas ao exterior, usar mascarillas FFP2 ou manter as casas pechadas.
Recomendaciones
18 Aug 2025

A Xunta de Galicia, ante a vaga de incendios forestais que afecta a diversas zonas, trasladou á cidadanía unha serie de recomendacións sanitarias para minimizar os riscos asociados á inhalación do fume e ás partículas de cinza.

O fume xerado polos lumes contén unha mestura de gases e partículas microscópicas (PM2,5 e PM10) que poden provocar irritación nos ollos, nariz, gorxa e pulmóns, ademais de dores de cabeza, dor torácica ou dificultades respiratorias.

Aínda que as medidas son aplicables a toda a poboación, a Xunta pide prestar especial atención aos colectivos máis vulnerables: nenos e nenas, mulleres embarazadas e persoas con enfermidades pulmonares (asma, EPOC) ou cardíacas.

As principais recomendacións son:

Limitar ao máximo as saídas ao exterior e evitar realizar actividade física ao aire libre.

Se é necesario saír, usar mascarillas filtrantes FFP2 e, a ser posible, gafas de protección ocular.

Permanecer dentro das vivendas, mantendo portas e xanelas pechadas, e utilizar sistemas de climatización con filtros de alta eficiencia en modo recirculación.

Empregar purificadores de aire portátiles cando sexa posible.

Evitar o uso de elementos que aumenten a contaminación interior, como velas, e non fumar.

Para a limpeza de cinzas, empregar mascarilla, luvas, roupa de manga longa e gafas.

En caso de contacto coas cinzas, lavar canto antes a pel, ollos ou boca.

Manterse informada a través das mensaxes de emerxencia e consultar en Meteogalicia o índice de calidade do aire (ICA).

A Xunta lembra tamén que, ante cortes de subministro eléctrico, cómpre seguir en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias sobre a auga de consumo e a seguridade alimentaria.

⚙ Configurar cookies
0.29344987869263