A Xunta estrea no Gaiás unha instalación de Nadal inmersiva con luces, inchables e actividades familiares

A Xunta de Galicia convida ás familias a gozar da programación de Nadal na Cidade da Cultura, que arranca coa apertura da instalación Soños de Argonautas. Esta creación da arquitecta Nuria Prieto transforma o Hall de Tirantes do Museo Centro Gaiás nunha paisaxe branca e dourada feita con materiais reciclados, grandes esferas luminosas e corredores inchables parcialmente transitables.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou a instalación acompañado do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, da autora do proxecto e dun numeroso público asistente. López Campos animou á cidadanía máis nova a participar nunha programación “creativa, cultural e pensada para compartir en familia”.
Ao longo de máis dun mes, o Gaiás acollerá espectáculos teatrais e musicais, obradoiros familiares, contacontos, visitas guiadas, un escape room e experiencias inmersivas de realidade virtual dentro da programación Nadal no Gaiás.
Unha paisaxe luminosa e inmersiva
“Soños de Argonautas” constrúese con membranas de plástico reciclable e iluminación LED, creando unha atmosfera onírica chea de formas brancas e douradas. Parte da instalación é transitable, permitindo entrar en corredores translúcidos e vivir a experiencia dende o interior.
Durante as semanas de Nadal, co material sobrante da montaxe, os nenos e nenas elaborarán adornos para o tradicional árbore de madeira. En distintos obradoiros, escribirán os seus desexos en tiras de plástico que formarán longas guirnaldas.
A autora, Nuria Prieto (Ponferrada, 1985), arquitecta afincada na Coruña, conta cunha ampla traxectoria internacional e participou no pabillón español Unfinished da Bienal de Venecia –gañador do León de Ouro– e en proxectos de investigación como Gaza: A house for 1.5m inhabitants.
Teatro dentro dun globo aerostático
Entre as actividades destaca a obra Tripula, de Farrés Brothers i Cia, que combina teatro, humor, música e títeres nun espazo tan singular como a tela dun antigo globo aerostático.
Tamén se ofrecerán obradoiros onde o público infantil poderá crear estruturas inchables con materiais sinxelos, ademais de visitas guiadas da autora e sesións de contacontos.
En xaneiro celebrarase un concerto do cuarteto de corda Fua, que aposta por reinterpretar música moderna en formato clásico.
Regresa tamén a experiencia de realidade virtual do Galiverso de Nadal, moi apreciada polo público infantil. Ademais, dende hoxe e ata o 6 de xaneiro, a Cidade da Cultura contará cun novo deseño de luces exteriores visible dende diversos puntos de Santiago.