A Xunta exalta en Madrid o talento e a innovación empresarial galega na entrega do XVIII Premio Victoriano Reinoso

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, participou esta tarde na entrega do XVIII Premio Victoriano Reinoso, un galardón outorgado pola Asociación de Empresarios Galegos de Madrid (Aegama) que recoñece cada ano a personalidades destacadas no ámbito empresarial da Comunidade. Nesta edición, o premio foi concedido ao presidente executivo da firma tecnolóxica Redegal, Jorge Vázquez.
Durante a súa intervención, José González destacou a importante contribución de Aegama, presidida por Julio Lage, no fortalecemento dos lazos de colaboración entre o tecido empresarial galego en Madrid, ademais de visibilizar o talento emprendedor que atesoura a Comunidade e proxectar a imaxe de Galicia como unha terra de oportunidades e de futuro.
Nese sentido, o conselleiro salientou que Redegal é un exemplo da Galicia innovadora, que medra e compite no mercado global, situando a nosa Comunidade na vangarda dixital e tecnolóxica, pero sen perder de vista as súas raíces.
Apoio ao emprendemento e á internacionalización
José González reafirmou o compromiso da Xunta de Galicia co emprendemento, promovendo un ecosistema fértil onde xurdan ideas e se favoreza a innovación, o investimento e a internacionalización das nosas empresas, como un dos piares do progreso de Galicia.
Ademais, lembrou o apoio do Goberno galego ao traballo que desenvolven as entidades galegas fóra da comunidade, como Aegama, indicando que son fundamentais na proxección das capacidades galegas e na creación de oportunidades de negocio máis alá das nosas fronteiras.