A Xunta facilitará aos apicultores afectados polos lumes o acceso gratuíto ás parcelas do Banco de Terras

A Consellería do Medio Rural facilitará aos apicultores afectados polos incendios forestais deste verán en Galicia —especialmente na provincia de Ourense— o acceso gratuíto ás parcelas do Banco de Terras, co obxectivo de que poidan instalar nelas as súas colmeas e manter así a continuidade da súa produción.
Os produtores interesados deberán dirixirse á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), adscrita á Consellería, para solicitar esta posibilidade. Cada petición será avaliada en función dos danos sufridos polas explotacións, de maneira que se lles ofrezan parcelas alternativas ás queimadas, asegurando temporalmente a alimentación natural das abellas e dando continuidade ás producións.
As persoas beneficiarias deberán respectar as distancias e o resto da normativa vixente, ademais de comunicar nas oficinas rurais os traslados e novas localizacións, a fin de actualizar o Rexistro Apícola de Galicia. Desde os servizos provinciais e oficinas rurais da Consellería difundirase esta medida entre produtores, concellos e asociacións de apicultores para garantir a súa máxima difusión.
Esta colaboración súmase a outras iniciativas xa en marcha para paliar os efectos dos lumes no sector agro-gandeiro. Entre elas, Medio Rural lembra o operativo de emerxencia activado o pasado sábado 16 de agosto para asegurar o subministro inmediato de alimento ao gando das explotacións afectadas, especialmente en Ourense.