A Xunta felicita as tres científicas galegas galardoadas cos Premios Nacionais de Investigación para mozas 2024

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, asistiu este mércores ao acto de entrega dos Premios Nacionais de Investigación e Premios Nacionais de Investigación para Mozas 2024, celebrado no Palacio do Pardo en Madrid e presidido polo rei Felipe VI. Galicia foi protagonista nesta edición ao contar con tres investigadoras galardoadas nos premios dirixidos a novas científicas.
As premiadas foron Cristina Blanco, recoñecida co Premio María Moliner na área de Humanidades; Verónica Bolón, co Premio María Andresa Casamayor na área de Matemáticas e Tecnoloxías da Información e Comunicacións; e Beatriz Pelaz, co Premio Felisa Martín Bravo na área de Ciencias Físicas, dos Materiais e da Terra.
Carmen Cotelo destacou que Galicia “nunca antes tivera tantas persoas dedicadas á investigación nin tantas mulleres”, o que evidencia, segundo explicou, o aproveitamento do talento e os avances na superación da fenda de xénero. Reiterou, ademais, o compromiso da Xunta co fortalecemento do ecosistema galego de I+D+i a través de iniciativas como o programa Oportunius ou o novo Plan Galego de Investigación e Innovación 2025-2027.
Cristina Blanco, investigadora sénior distinguida na Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, foi premiada pola súa brillante traxectoria en Historia Contemporánea e os seus estudos sobre a integración europea. Verónica Bolón, docente e investigadora do CITIC na mesma universidade, foi recoñecida polo seu traballo en machine learning e IA sustentable aplicada á saúde e ao medio ambiente. Pola súa banda, Beatriz Pelaz, investigadora Oportunius no CiQUS da USC, destacou polo seu labor no desenvolvemento de nanomateriais terapéuticos e o uso de origamis de ADN para a modificación de nanopartículas.