A Xunta garante a calidade dos menús nos centros residenciais, supervisados por nutricionistas e adaptados ás dietas dos usuarios

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, garantiu hoxe que a Xunta controla e supervisa a calidade dos menús que se ofrecen nos centros residenciais autonómicos. En resposta a unha pregunta oral no Pleno, fixo fincapé en que estas comidas, nas que se empregan produtos de primeira calidade, son supervisadas por nutricionistas e están adaptadas ás dietas pautadas polos servizos médicos.
A conselleira explicou que estes menús sérvense nos 70 centros de maiores da rede autonómica da Xunta, xestionados polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e son consumidos diariamente por 2.500 usuarios. Ademais, destacou que é o mesmo menú que o de Xantar na casa, un programa que chega a 200 concellos e distribúe máis de 3.000 menús diarios.
Fabiola García salientou que este servizo de comedor, que leva 14 anos funcionando con normalidade, combina a calidade dos produtos, o valor nutricional e as necesidades específicas de cada usuario. Engadiu que conta cun nivel de satisfacción moi elevado, tal e como demostran as enquisas que se realizan periodicamente en todos os centros.
En canto ás reclamacións, asegurou que están centradas nun número reducido de usuarios. Con todo, reiterou que a Xunta escoita estas posibles queixas e, en función das opinións trasladadas polas persoas usuarias a través das enquisas de satisfacción, en ocasións modifícanse os menús para mellorar o servizo.