A Xunta impulsa a descarbonización da automoción con 14 M€

A Xunta abre unha liña de axudas de ata 1 millón de euros para proxectos de innovación, enerxías renovables e transición ao vehículo eléctrico no sector da automoción.
Descarbonizacion
16 Apr 2025

A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha unha nova convocatoria de axudas dirixida a reforzar a cadea de valor do vehículo eléctrico e fomentar a descarbonización no sector da automoción. Esta liña de apoio conta cun orzamento total de 14 millóns de euros e estará aberta ata o vindeiro 30 de abril.

As empresas do sector que conten cun centro de traballo en Galicia poderán optar a subvencións de ata 1 millón de euros por proxecto. As actuacións divídense en tres liñas: desenvolvemento experimental e innovación en organización e procesos; investimentos produtivos; e proxectos ligados a enerxía de fontes renovables.

Estas axudas permitirán ás pemes e grandes empresas avanzar no autoconsumo con renovables, na innovación industrial, na creación de novos centros produtivos ou na ampliación dos xa existentes.

A convocatoria está xestionada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), e forma parte do Plan de apoio á descarbonización e transición ao vehículo eléctrico no sector da automoción de Galicia 2025-2027, cunha dotación global de 50 millóns de euros.

Cómpre lembrar que a automoción é un dos nove sectores estratéxicos recoñecidos pola Xunta, cun plan director que prevé mobilizar 230 millóns de euros ata o ano 2027.

⚙ Configurar cookies
0.088336229324341