A Xunta impulsa case 2.900 vivendas públicas cun investimento de máis de 220 millóns de euros

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, presidiron hoxe a reunión do Observatorio da Vivenda de Galicia, na que se deu conta do balance de execución do Pacto de Vivenda para o período 2021-2024.
Na actualidade, a Xunta está a impulsar un total de 2.886 vivendas de promoción pública en distintos estados de tramitación. Do total, 2.689 son de nova construción, 115 están sendo rehabilitadas ao abeiro do programa Rexurbe e outras 82 foron adquiridas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), cun investimento global que supera os 220 millóns de euros.
Concretamente, 1.808 vivendas atópanse en fase de redacción de proxecto, 56 xa teñen as obras licitadas e 825 están en fase de construción, cun investimento de 206 millóns de euros. No caso das rehabilitacións, 75 están na fase de proxecto, 22 xa teñen licitada a obra e 18 están en execución.
Por provincias, a repartición das vivendas é a seguinte: 771 na Coruña, 651 en Lugo, 75 en Ourense e 1.307 en Pontevedra.