A Xunta impulsa en Arxentina a proxección internacional da cociña galega a través do evento Saborea Galicia Calidade

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración inaugurou en Bos Aires as catas temáticas dirixidas a profesionais, que contaron coa participación do chef Manolo Costiña e coas actuacións de Baiuca e Luz Casal como parte da programación cultural.
Saborea Galicia
12 Oct 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, inaugurou este xoves no hotel Grand Brizo de Bos Aires o primeiro dos dous pases de cata da iniciativa Saborea Galicia Calidade, destinada a poñer en valor o bo facer da cociña galega ante medios especializados, compradores do sector e referentes locais da gastronomía.

Na inauguración participou tamén o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta na Arxentina, Alejandro López Dobarro.

González destacou que esta iniciativa, promovida pola Xunta, ten como obxectivo mostrar a creatividade e a excelencia de Galicia nos ámbitos culinario e cultural, aproveitando a visibilidade que lle outorga á comunidade a súa condición de rexión convidada de honra pola Embaixada de España en Arxentina con motivo do Día da Hispanidade.

O conselleiro subliñou que se trata dunha oportunidade para proxectar a Galicia actual a través dos valores da súa cociña e da súa cultura, fortalecendo ao mesmo tempo os lazos coa Arxentina, “segundo fogar de milleiros de galegos e galegas”, e convidou aos sumilleres e profesionais a visitar Galicia e descubrir “de primeira man a calidade e diversidade do produto galego”.

As catas estiveron dirixidas polo chef Manolo Costiña, do restaurante Retiro da Costiña (Santa Comba, A Coruña), distinguido con dúas estrelas Michelin e coa marca Galicia Calidade. Os pratos servíronse en pezas de cerámica e outros materiais certificadas co selo Artesanía de Galicia, no marco da iniciativa Artesanía no prato, que une a tradición artesanal coa innovación gastronómica.

Música galega en Bos Aires

Como complemento á proposta culinaria, a programación de Saborea Galicia Calidade inclúe dúas actuacións musicais que achegan a música galega ao público arxentino:

O 10 de outubro, Baiuca actuará en Groove (21.00 h), combinando a tradición sonora galega coa música electrónica contemporánea.

O 12 de outubro, coincidindo co Día da Hispanidade, Luz Casal ofrecerá un concerto no Palacio Libertad, tras ser recoñecida pola Lexislatura da Cidade de Bos Aires.

González salientou que esta acción busca reforzar a presenza internacional de Galicia, promover novas colaboracións culturais e económicas e proxectar a imaxe da comunidade como unha rexión aberta, innovadora e competitiva no ámbito global.

⚙ Configurar cookies
0.26250195503235