A Xunta impulsa nos mercados municipais a campaña ‘Nestas datas, que non sobren as sobras!’

A iniciativa chegará a 15 mercados municipais das sete cidades galegas para promover un consumo responsable durante o Entroido
Desperdicios
17 Feb 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, visitaron a Praza de Abastos de Pontevedra para participar na campaña Nestas datas, que non sobren as sobras!, unha iniciativa da Xunta destinada a concienciar á cidadanía sobre a importancia de reducir o desperdicio alimentario durante o Entroido.

A campaña desenvolverase nas sete cidades galegas e chegará a 15 mercados municipais con accións de sensibilización directa, promovendo un consumo responsable nunhas datas nas que aumenta o gasto alimentario.

Durante a visita, María José Echevarría puxo en valor a tradición gastronómica galega, lembrando que historicamente a cociña soubo aproveitar ao máximo os alimentos a través de receitas como caldos, croquetas, empanadas ou sobremesas elaboradas con sobras. Animou así a adaptar esa tradición aos hábitos actuais para reducir o desperdicio.

Pola súa banda, Agustín Reguera destacou a importancia de trasladar estas mensaxes directamente á veciñanza en espazos de proximidade como os mercados municipais, referentes de produto local e consumo responsable.

Como elemento simbólico, a campaña inclúe o reparto de arredor de 2.000 culleres de madeira en 15 mercados galegos. Cada unha leva incorporado un código QR que enlaza cunha páxina web con receitas elaboradas a partir dos produtos máis típicos do Entroido, ofrecendo ideas prácticas para aproveitar mellor os alimentos nos fogares.

A iniciativa enmárcase nas políticas da Xunta orientadas á economía circular, á redución de residuos e á promoción dun modelo de consumo máis sostible.

⚙ Configurar cookies
0.36676216125488