A Xunta impulsa o relevo xeracional en sastraría, ourivaría e sombreiraría co programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas

A Fundación Artesanía de Galicia abre a inscrición dos tres primeiros cursos 2025-2026 do programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, pioneiro en España, que busca profesionalizar o sector e atraer novas xeracións á artesanía.
Sombreireria
29 Sep 2025

A Fundación Artesanía de Galicia acaba de abrir as inscricións para os tres primeiros cursos do programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, que se desenvolverán durante o curso 2025-2026. Nesta nova edición, programáronse formacións de perfeccionamento en sastraría, impartida polo mestre artesán Fernando Freire xunto co seu oficial Ramón Lareo; en sombreiraría, a cargo de Félix de Martín; e en ourivaría, da man de Ricardo Rivas, recoñecido co Premio Traxectoria 2020 dos Premios Artesanía de Galicia.

As solicitudes deben facerse a través da web da Fundación Artesanía de Galicia. Terán prioridade as persoas que xa participaron na edición anterior de cada curso. As prazas sobrantes destinaranse a profesionais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía e a persoas en formación nestes oficios, co obxectivo de atraer novo talento e asegurar o relevo xeracional.

O programa, pioneiro en España e impulsado pola Xunta desde 2023, está orientado a mellorar a profesionalización das persoas artesás en activo e garantir o futuro da artesanía galega como sector vertebrador do territorio e fixador de poboación, especialmente no rural.

Os cursos desenvolveranse en Santiago de Compostela:

O 9 de outubro arrancarán os cursos de sastraría (xoves de 9:30 a 13:30 h) e sombreiraría (xoves de 15:30 a 18:30 h), ambos con oito prazas, na Academia de Ana Prados (rúa da Rosa, 36).

O curso de ourivaría, con dez prazas, celebrarase os venres entre o 24 de outubro e o 27 de marzo, no taller compostelán de Ricardo Rivas (rúa do Río, 18, Meixonfrío), en horario de 10:00 a 18:00 h.

Desde a súa posta en marcha en 2023, Aprender da tradición xa organizou formacións en tapizaría, olaría de Buño, traballo en madeira, confección de roupa, pasamanaría, marroquinería, tecido tradicional, tallado de azabache e forxa. A oferta formativa 2025-2026 continuará ampliándose para asegurar o relevo xeracional en máis oficios artesanais.

⚙ Configurar cookies
0.26190209388733