A Xunta impulsa unha ducia de actuacións para reducir o risco de inundacións na conca Galicia-Costa

Rueda destaca que é necesario estar preparados para facer fronte aos efectos «do contexto do cambio climático no que nos atopamos»
CORUÑA inundacion paseo
26 Oct 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico está a desenvolver e impulsar un paquete de actuacións co obxectivo de reducir o risco de inundación en diferentes zonas fluviais da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. En concreto, vanse levar a cabo “unha ducia” de obras “nas áreas máis sensibles, por un importe de 34,2 millóns de euros”.

Así se recolle no informe presentado hoxe ante o Consello sobre a planificación que manexa Augas de Galicia para actuar sobre o terreo co fin de mellorar a capacidade de reacción dos tramos de río máis sensibles a eventuais asolagamentos e protexer á vez dos seus efectos os recursos, os equipamentos públicos e a poboación das contornas. “A planificación e a prevención son claves para facer fronte ao contexto de cambio climático no que nos atopamos. O noso obxectivo é garantir a seguridade da veciñanza que vive preto dos ríos e reducir ao máximo os posibles efectos dunha inundación”, indicou o presidente. Na mesma liña, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asegurou que a Xunta traballa cara a “unha Galicia mellor preparada e protexida fronte as inundacións”.

Tal e como explicou a conselleira, nas intervencións previstas destacan as obras para acometer melloras estruturais que reducirán o risco de inundación no rego Maior, ao seu paso polo municipio de Sada. Cun investimento total estimado en sete millóns de euros, a Xunta achegará o 50% dos fondos necesarios para a súa execución e o Concello o 50% restante, en virtude dun convenio de colaboración cuxa sinatura autorizou hoxe mesmo tamén o Consello.

Este proxecto contribuirá a diminuír os riscos de futuros desbordamentos do río no núcleo principal de Sada e, ademais, incorporará melloras para facilitar a integración fluvial na trama urbana, solucións de mobilidade peonil e rodada, zonas de esparexemento e novos espazos axardinados dentro do ámbito da actuación.

A maiores, outras iniciativas con tramitación avanzada son as proxectadas no río Valga, para mellorar o espazo fluvial entre a liña férrea e a rúa Devesa, cun importe estimado de 1,3 M €; no rego Tarrío, en Padrón, onde se mellorará a drenaxe no punto de cruzamento co ferrocarril (1,1 M €); e nos ríos Miñor e Zamáns ao seu paso por Gondomar (6,5 M €).

En paralelo, Augas de Galicia traballa noutras actuacións con proxectos xa elaborados, en redacción ou en fase de estudo de alternativas: en concreto, as intervencións nos ríos Valga e Soutiño para reducir a afección que causan os desbordamentos na contorna da estrada provincial, e no río Belelle, ao seu paso polo núcleo de Santa María en Neda, que completará a recuperación da continuidade fluvial; cun custo estimado entre ambas de 1,4 M €. Estes dous proxectos están xa redactados e en fase de supervisión.

Así mesmo, neste grupo destacan tres actuacións cunha previsión de investimento de arredor de 8 M €: a creación dunha das primeiras áreas de inundación controlada de Galicia na bacía do río Valdecorvos, en Pontevedra; as actuacións para reducir o risco de inundación na ARPSI do río Anllóns, en Ponteceso-Cabana de Bergantiños; e a mellora do espazo fluvial e da drenaxe do río Sar no cruzamento coa AC-301, en Padrón.

A estas actuacións hai que sumar as recentemente executadas na ARPSI Ulla-Sar, en Valga, cun custo final de 1,5 M €, que permitiron reducir a afección das enchentes sobre as vías, vivendas, parcelas e equipamentos desta zona; e na ARPSI río Anllóns, en Carballo, cun conxunto de actuacións executadas por 6,5 M € e que incluíron a remodelación de pontes, a recuperación de espazos fluviais e un bypass na zona do Muíño do Quinto. Por último, actualmente está en obras unha intervención para a mellora estrutural dun tramo do río Fontecova ao seu paso por Viveiro, cun importe previsto de 0,9 M €.

Este paquete de obras mellorará o comportamento hidráulico “de 43 km de ríos”, segundo indicou o presidente, o que beneficiará zonas localizadas nas principais ARPSI de Galicia-Costa nas que se detectan problemas recorrentes de desbordamentos, insuficiencia hidráulica ou afección a zonas urbanas. Isto permitirá, tal e como explicou a conselleira, que “8.900 persoas residan en zonas de menor risco” e tamén se reducirá o risco de posibles danos sobre bens e equipamentos públicos (como centros de saúde, instalacións deportivas ou tramos de estradas, entre outros) cun valor estimado de 72 millóns de euros.

A estratexia do organismo hidráulico para minimizar o impacto das inundacións na conca que xestiona busca transformar a planificación técnica en obras e solucións sobre o territorio, respondendo así á necesidade de reforzar a protección ante estes fenómenos, de reducir os danos potenciais, de mellorar a integración ambiental dos espazos fluviais e de avanzar na resiliencia dos concellos fronte ao cambio climático.

Ademais, estas actuacións enmárcanse no Plan de xestión do risco de inundación de Galicia-Costa 2021-2027 e plásmanse tamén no proxecto de orzamentos de Augas de Galicia para 2027, que destina 27,2 M € (un 20% máis ca este ano) a reforzar a súa aposta pola protección e a preparación da Comunidade fronte aos efectos do cambio climático nos recursos hídricos, particularmente no referente aos episodios de seca e ás inundacións.

0.48474907875061