A Xunta inaugura no Gaiás unha experiencia inmersiva sobre Castelao con intelixencia artificial

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou esta mañá no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a exposición ‘Castelao. Mirar por Galicia’, a experiencia tecnolóxico-cultural máis ambiciosa desenvolvida ata o momento sobre a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
A mostra combina intelixencia artificial xerativa, videomapping e realidade virtual para recrear a vida e obra do autor rianxeiro, empregando documentación histórica, arquivos audiovisuais e elementos persoais, como as súas lentes ou a súa pluma, cedidos temporalmente polo Museo de Pontevedra.
Trátase dun proxecto feito en Galicia e para Galicia, que contou coa participación de máis de medio cento de profesionais técnicos e creativos, así como numerosas empresas galegas como Maxina, Numax, Miramemira, MADA producións, Daexga ou Vifer. A mostra foi desenvolvida coa colaboración da Fundación Castelao e de múltiples institucións culturais que cederon fondos ou contribuíron ás recreacións dixitais.
A instalación máis destacada da exposición é un cubo inmersivo con proxeccións audiovisuais e son cadráfónico, onde as persoas visitantes poden escoitar de novo a voz de Castelao, reconstruída a partir da única gravación coñecida.
‘Castelao. Mirar por Galicia’ poderá visitarse de balde ata o 11 de xaneiro de 2026 na Cidade da Cultura. Inclúe medidas de accesibilidade e contará con programación didáctica dirixida a centros educativos no vindeiro curso.