A Xunta incrementa as bolsas de mobilidade para prácticas de FP en Galicia, no resto de España e no estranxeiro

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de abrir a convocatoria das bolsas de mobilidade para o alumnado de Formación Profesional que precise desprazarse para realizar prácticas en empresas. Estas axudas benefician tanto a estudantes de ciclos comúns como de FP Dual Intensiva, que xa as fixeran ou as vaian realizar entre outubro de 2024 e decembro de 2025.
A Xunta destina 1 millón de euros a esta medida, o que supón un incremento de 100.000 € respecto da convocatoria anterior, co obxectivo de compensar os gastos extraordinarios derivados da realización destas prácticas, que poden desenvolverse en Galicia, no resto do Estado ou noutros países.
Enmarcadas na Estratexia FP Galicia 2030, estas bolsas perseguen un dobre obxectivo: mellorar as competencias profesionais e, no caso de estadías internacionais, o nivel lingüístico en lingua estranxeira.
Quen pode solicitar as bolsas
Poderá concorrer o alumnado que curse ou finalizara no curso 2024/2025 o último ano dun ciclo de grao básico, medio ou superior, cursos de especialización, artes plásticas e deseño, ensinanzas deportivas, programas formativos ou calquera ciclo de FP Dual Intensiva. En todos os casos, as prácticas deberán estar finalizadas antes do 31 de decembro de 2025.
Modalidades e contías
Modalidade A (España): para prácticas dentro de Galicia ou noutra comunidade autónoma. O importe máximo é de 375 €, sempre que o concello do centro de traballo sexa distinto ao do centro educativo ou de residencia da persoa solicitante.
Modalidade B (estranxeiro): a contía varía en función do país e da duración, cun máximo de 1.500 € no caso de alumnado de FP Dual Intensiva. Se o estudante xa dispón doutra bolsa similar que non cubra o período completo, poderá recibir ata o 50% da axuda.
Prazos de solicitude
As solicitudes deberán tramitarse a través do centro educativo en dous períodos:
Ata o 10 de setembro: para quen realizara prácticas entre outubro de 2024 e marzo de 2025, así como nos períodos xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2025, ademais do alumnado de FP Dual Intensiva.
Do 14 de outubro ao 14 de novembro de 2025: para o alumnado que realice prácticas entre setembro e decembro de 2025 e as finalice antes do 31 de decembro.
Aquelas persoas con horario flexible autorizado que rematen despois desa data deberán esperar á seguinte convocatoria.