A Xunta incrementa un 12 % o orzamento para garantir o transporte escolar gratuíto ata superar os 95 millóns de euros

A Xunta investirá máis de 95 millóns de euros ata 2027 para garantir o servizo de transporte escolar gratuíto para máis de 42.000 alumnos e alumnas. O contrato comezará en decembro e contempla preto de 1.500 rutas en toda Galicia.
Transporte escolar
1 Jul 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou este luns de que o Consello acordou incrementar un 12 % o orzamento destinado a manter o transporte escolar gratuíto que utilizan a diario máis de 42.000 alumnos e alumnas. En concreto, investiranse máis de 95 millóns de euros na contratación do servizo de transporte público regular de viaxeiros por estrada de uso especial escolar ata 2027.

Con esta nova contratación, darase continuidade ao servizo licitado en 2021, que finaliza este ano. Os contratos comezarán en decembro e prolongaranse durante dous anos, cunha posible prórroga ata sumar un máximo de cinco exercicios. O valor estimado do servizo ascende a 257 millóns de euros.

O obxectivo é garantir un servizo axeitado para facilitar o acceso ao sistema educativo, prestado como servizo complementario para o alumnado con dereito pleno a transporte gratuíto, é dicir, aquel que reside fóra do ámbito urbano do centro escolar e a máis de 2 km deste.

O servizo realizarase en función dos horarios lectivos de cada centro educativo, e as expedicións adaptaranse aos cambios que se produzan durante a vixencia do contrato, en coordinación cos órganos educativos e de transporte da Administración.

Rueda explicou tamén que se incrementan os lotes do contrato de 57 a 71 para adaptar o servizo ás necesidades de cada zona. Esta división permite unha xestión máis flexible e eficaz, ao tempo que favorece o acceso das pequenas e medianas empresas á contratación pública.

Os medios humanos requiridos inclúen persoal condutor con experiencia e permiso adecuado, así como persoal acompañante con formación específica. En ambos casos será obrigatorio presentar unha certificación negativa do Rexistro central de delincuentes sexuais.

En canto aos medios materiais, esíxense 1.246 vehículos para garantir o funcionamento de case 1.500 rutas escolares. Estes deberán cumprir a normativa vixente, incluíndo cintos de seguridade, sistemas de ancoraxe para cadeiras de rodas e rexistro de eventos.

⚙ Configurar cookies
0.23821902275085