A Xunta inicia a elaboración da Estratexia galega da paisaxe horizonte 2030

A Xunta de Galicia vén de iniciar os traballos para a redacción da nova Estratexia galega da paisaxe horizonte 2030, co obxectivo de planificar, coordinar e impulsar as actuacións en materia paisaxística en todo o territorio galego. O primeiro paso foi a licitación do servizo de asistencia técnica, cun importe superior aos 62.000 euros, IVE incluído.
O contrato permitirá apoiar ao Instituto de Estudos do Territorio (IET) na elaboración da estratexia, que será o cuarto documento marco promovido pola Xunta desde 2011 neste eido. A nova estratexia debe estar lista e aprobada a finais de 2025 e terá unha vixencia de cinco anos.
Os traballos da empresa adxudicataria incluirán a definición das liñas de acción, a identificación das actuacións autonómicas que impactan na paisaxe, posibles colaboracións con outras administracións, o diagnóstico da situación actual, e a localización de axentes clave, públicos ou privados, para o desenvolvemento da política paisaxística.
Ademais, esta semana celebrouse en Santiago un obradoiro de persoas expertas que avaliou tecnicamente o informe preliminar de posicionamento, e que serviu como primeiro paso cara á nova estratexia. Participaron persoas do ámbito institucional, académico e profesional.
En setembro está prevista unha xornada interdepartamental con arredor de 40 departamentos da Xunta implicados en áreas vinculadas ao territorio e ao medio ambiente, onde se presentará o informe definitivo con todas as achegas técnicas recollidas.
A estratexia busca integrar a paisaxe nas políticas urbanísticas, ambientais, culturais, sociais, turísticas, industriais ou económicas, seguindo os principios do Convenio Europeo da Paisaxe e da Lei de protección da paisaxe de Galicia.