A Xunta inicia a tramitación da primeira Lei galega de infancia e adolescencia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou o inicio da tramitación do anteproxecto da primeira Lei galega de infancia e adolescencia, unha norma que pretende reforzar a protección e a atención ás persoas menores e situar a infancia no centro das políticas públicas.
A futura lei, segundo explicou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, podería estar aprobada no segundo semestre do ano. Ata agora, as medidas relativas á infancia en Galicia estaban integradas noutras normativas, como a Lei de apoio á familia de 2011 ou a Lei de impulso demográfico de 2021.
Entre as principais novidades da norma figura o reforzo do acollemento familiar como fórmula prioritaria de protección cando un menor non pode vivir coa súa familia de orixe. Neste sentido, regularase por primeira vez a dobre valoración das familias para o acollemento e a adopción.
Esta medida permitirá que un neno ou nena que vive cunha familia acolledora poida permanecer nela no caso de que posteriormente se determine a adopción, outorgando prioridade a esa mesma familia e evitando novas rupturas afectivas.
A futura lei tamén prevé a creación dun rexistro autonómico de familias acolledoras e adoptivas, co obxectivo de mellorar o seguimento e a xestión destes procesos.
Ademais, a normativa regulará os diferentes tipos de medidas de protección á infancia e reforzará a coordinación entre administracións. Mentres a Xunta actúa nos casos de risco grave ou desamparo, os concellos traballan a través dos servizos sociais de base nas situacións de risco leve.
Segundo destacou o Goberno galego, a nova lei pretende supoñer un cambio de enfoque nas políticas públicas, pasando dun modelo centrado na cobertura de necesidades a outro baseado na garantía dos dereitos da infancia e da adolescencia.
Nos próximos días abrirase unha consulta pública previa para recoller achegas da cidadanía, entidades sociais e profesionais do sector antes da elaboración definitiva do anteproxecto.