A Xunta investirá 3,4 millóns de euros no control e seguimento de 127 depuradoras

A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, investirá case 3,4 millóns de euros (IVE incluído) no control e seguimento das instalacións de depuración de augas residuais urbanas correspondentes ás aglomeracións de máis de 2.000 habitantes equivalentes. Esta actuación contribuirá ao cumprimento da directiva marco da auga, que esixe a supervisión das depuradoras que prestan servizo a este tipo de núcleos.
O contrato, adxudicado a comezos deste mes de xaneiro e cun prazo de execución de 24 meses, ten como obxectivo apoiar as tarefas de supervisión, vixilancia e inspección das infraestruturas hidráulicas competencia dos concellos, co fin de garantir un mellor servizo á cidadanía e velar pola calidade das augas nas súas áreas de influencia.
En total, o servizo abrangue 127 estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) de titularidade municipal en Galicia. A empresa adxudicataria asumirá, entre outros cometidos, o asesoramento técnico ás entidades locais na xestión destas instalacións, o control do cumprimento da normativa vixente en materia de depuración e tratamento da auga, así como a realización das analíticas necesarias.
Os traballos inclúen tamén a recompilación de información para a elaboración de informes periódicos sobre o estado e conservación das depuradoras, así como informes globais a nivel autonómico, que permitirán avaliar o funcionamento conxunto das instalacións e facilitar datos a outros organismos competentes.
Ademais, o contrato contempla o desenvolvemento evolutivo e o mantemento da aplicación informática do Sistema de Información de Control de Estacións Depuradoras (Sicedar), na que se centralizará toda a información xerada, garantindo a súa funcionalidade e operatividade.
Por provincias, das 127 depuradoras incluídas no servizo, 63 están na Coruña, 25 en Lugo, 13 en Ourense e 26 en Pontevedra.
Esta actuación enmárcase no apoio técnico e económico que a Xunta presta aos concellos para que poidan exercer con maior eficacia as súas competencias en materia de xestión da auga. Un compromiso que tamén se reflicte nos orzamentos de Augas de Galicia para 2026, que ascenden a 151,7 millóns de euros, dos cales sete de cada dez destínanse a actuacións de abastecemento e saneamento.