A Xunta investirá en 2026 preto de 45 millóns de euros na economía social

Incluirá medidas específicas para promover a inserción laboral das persoas con discapacidade
Marta Mariño
17 Dec 2025

A Xunta de Galicia destinará en 2026 preto de 45 millóns de euros ao impulso da economía social, cunha parte destacada do investimento dirixida a favorecer a inserción laboral das persoas con discapacidade. Así o anunciou a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, durante a apertura do Congreso de activación ao emprendemento Activa Talento, celebrado en Santiago de Compostela.

O encontro está organizado por Inserta Emprego, entidade da Fundación ONCE especializada na formación e no emprego de persoas con discapacidade. No seu relatorio, Mariño subliñou que a Xunta continuará reforzando este ámbito como un piar clave para a creación de emprego inclusivo e de calidade en Galicia.

Entre as liñas de actuación destacadas figuran os apoios aos centros especiais de emprego, orientados a facilitar a incorporación das persoas con discapacidade ao réxime de traballo ordinario, así como programas de formación dual dirixidos a persoas con discapacidade intelectual e con problemas de saúde mental.

A directora xeral lembrou tamén que o Consello da Xunta vén de aprobar máis de 5,2 millóns de euros en axudas destinadas a fortalecer o ecosistema da economía social como motor de emprego no territorio. En concreto, estas partidas inclúen o Bono Consolida Economía Social, dotado con 2,73 millóns de euros; incentivos ás empresas de inserción, con 1,5 millóns; achegas ás entidades da Rede Eusumo, por importe de 690.000 euros; e subvencións ás asociacións da economía social, cunha contía de 335.000 euros.

Segundo Mariño, estas medidas reflicten a aposta do Goberno galego por un modelo económico máis inclusivo, que favoreza a cohesión social e a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral.

⚙ Configurar cookies
0.29290294647217