A Xunta investirá preto de 60 millóns de euros para construír e reformar centros de saúde de atención primaria

O presidente Alfonso Rueda destacou que comezarán as obras en Muíños e Boborás e avanzarán os traballos en Vilagarcía, Lugo, A Rúa e outros municipios
Rueda
25 Nov 2025

A Xunta de Galicia destinará case 60 millóns de euros en 2026 á construción e reforma das infraestruturas sanitarias de atención primaria en toda a comunidade. Así o avanzou o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, tras a reunión do Consello, que deu luz verde a unha partida de 59,8 millóns de euros para impulsar numerosas actuacións no territorio.

Segundo explicou Rueda, o investimento permitirá iniciar as obras dos novos centros de Muíños e Boborás, continuar os traballos xa en marcha en Vilagarcía de Arousa, A Milagrosa (Lugo) e A Rúa, e avanzar na tramitación de futuros proxectos en Meis, Teo ou Ponteareas.

O Consello avaliou tamén o estado actual da rede de obras sanitarias. En total, o Sergas mantén 36 actuacións activas: dez delas xa en execución e as restantes en distintas fases administrativas previas á construción.

Entre os proxectos máis avanzados destaca o CIS Olimpia Valencia de Vigo, que, tras finalizar a obra civil, prevé atender aos primeiros pacientes no primeiro trimestre de 2026. A actuación supera os 15 millóns de euros incluíndo equipamento e mobiliario.

Tamén se atopan próximas á súa finalización as obras dos centros de saúde de Conxo (Santiago), Moaña e Abegondo, que entrarán en servizo no primeiro trimestre de 2026 no caso de Santiago e Moaña, e na segunda metade do ano no caso de Abegondo.

A reforma integral do centro de saúde de A Milagrosa en Lugo e o novo centro de saúde de Santa Lucía na Coruña figuran entre os investimentos máis destacados da rede pública. Mentres, os proxectos de Barro, Noia e Meis avanzan na fase de redacción e o centro de Becerreá está xa en licitación.

De cara a 2026, a Xunta prevé licitar novos proxectos en Mos, Teo, Soutomaior e Ponteareas, e continuar avanzando en actuacións en Carballo, Ribadeo e O Carballiño.

Investimento de 62,3 millóns de euros en 10 centros de saúde

O compromiso coa atención primaria queda reflectido nos 62,3 millóns de euros actualmente mobilizados para construír ou reformar dez centros de saúde en Galicia. Entre eles destacan:

  • 2,7 millóns de euros para o novo centro de Abegondo
  • 5,6 millóns de euros para o de Santa Lucía (A Coruña)
  • 4,6 millóns de euros para a reforma integral de Conxo (Santiago)
  • 2,8 millóns de euros para o centro da Rúa
  • 17,8 millóns de euros para o novo centro de Vilagarcía
  • 14,2 millóns de euros para o CIS Olimpia Valencia de Vigo
  • 8,3 millóns de euros para o centro de Moaña
  • Máis de 3 millóns de euros para a reforma do centro de A Milagrosa (Lugo)
  • 1,8 M€ para Boborás
  • 1,2 M€ para Muíños

Rueda lembrou que, desde 2009, a Xunta investiu máis de 162 millóns de euros en 138 centros de saúde: 52 novos centros, 27 reformas de titularidade autonómica e 59 centros municipais reformados.

⚙ Configurar cookies
0.43678593635559