A Xunta inviste 10 millóns para fortalecer e modernizar a rede de comunicacións en situacións de emerxencia

Rueda salienta que é o sistema de comunicacións que usan profesionais “do 112, da policía autonómica, do 061 ou do servizo de loita contra os incendios”
ges-curtis
2 Nov 2026

O Consello da Xunta aprobou “destinar 10 millóns de euros a fortalecer e modernizar a rede de comunicacións que utilizan os equipos de emerxencias, a través da nova Estratexia de mellora da resiliencia con horizonte 2030.

As accións previstas implican unha actuación integral para asegurar que Rede dixital de seguridade e emerxencias de Galicia (Resgal) – “que utilizan profesionais do 112, a policía autonómica, o 061 ou o servizo de loita contra os incendios”, entre outros, indicou- resista e se recupere en situacións extremas, con medidas como a renovación dos sistemas troncais para adaptalos ás novas exixencias de soporte tecnolóxico, o reforzamento da ciberseguridade e o cifrado das comunicacións, a mellora do apoio enerxético ou o despregamento de estacións transportables.

Ata o momento, a rede utiliza unicamente terminais de tecnoloxía Tetra, o estándar de comunicacións de emerxencia en Europa, e está prevista unha evolución cara á un modelo híbrido para integrar telefonía móbil e avanzar na interoperabilidade con banda larga 5G.

A metade do orzamento previsto (5 millóns de euros) destinarase a actualizar e dotar de maiores funcionalidades e seguridade a todos os compoñentes necesarios para asegurar a continuidade dos servizos críticos prestados coa rede Tetra.

Algo máis de 1,2 millóns de euros serán para dotar a rede de estacións transportables, que permitirán “restablecer ou ampliar con axilidade os servizos de comunicacións en zonas afectadas por catástrofes”.

E está previsto destinar máis de 1,7 millóns de euros a reforzar as infraestruturas de soporte e continuidade de servizos que garanten a súa prestación ante interrupcións eléctricas severas.

Outra das actuacións, dotada con algo máis de 1,1 millóns de euros, destinarase a desenvolver e probar un sistema para avaliar a integración e interoperabilidade das redes Tetra e 5G.

O resto das partidas serán para a dotación de novas terminais e a instalación de novas estacións de radio base para mellorar a cobertura.

Resgal, xestionada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia a través de Retegal, é usada polas administracións autonómica e local. Caracterízase porque proporciona independencia tecnolóxica e soberanía na xestión das emerxencias en Galicia e polo seu deseño específico para as necesidades do territorio, con foco no rural e nas zonas de alto risco de incendios. Nestes casos, a través dos terminais que empregan a tecnoloxía Tetra, proporciona cobertura en lugares e circunstancias en que as redes convencionais non son operativas.

A Rede corporativa de comunicacións móbiles de seguridade e emerxencias de Galicia (Resgal) xestionou en 2025 cerca dun millón de chamadas internas, o que representa un incremento de case un 67 % con respecto a 2019. Máis da metade destas comunicacións coincidiron coa campaña de alto risco de incendios forestais, entre os meses de xullo e setembro. O Consello de Xunta recibiu hoxe un informe sobre a evolución da rede entre 2015 e 2025, así como sobre as necesidades previstas ata 2030.

Na actualidade, tal e como explicou o presidente, dispoñen “de terminais Tetra máis de 6.300 persoas” de equipos de emerxencias ou con responsabilidade na xestión destas situacións. Máis de 5.000 son da Xunta de Galicia, principalmente da Consellería de Medio Rural, e máis de 1.200 corresponden a outras entidades, como concellos, consorcios de bombeiros ou mancomunidades.

Os terminais poden ser usados no 90 % do territorio de Galicia e nun 97 % das áreas poboadas. Esta cobertura ten en conta as áreas con maior risco de incendios. A rede funciona a través de 105 estacións base fixas, 4 repetidores adicionais e unha estación base transportable. Isto permite que poida ser empregada por ata 8.000 persoas usuarias, coa posibilidade de ampliala ata 12.000.

A rede Tetra de Resgal é utilizada por todos os organismos da Xunta que xestionan emerxencias, como a Axega - 112, a Policía autonómica, o 061 ou Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais. Tamén está á disposición da Administración local, que pode contratar o servizo para policías locais, protección civil ou equipos de bombeiros. Actualmente están adheridas a esta rede 125 entidades fóra do ámbito autonómico. Recentemente incorporáronse á Rede os concellos da Coruña e Ourense e está prevista para o primeiro día de 2027 a incorporación de Santiago de Compostela e Ferrol.

0.45986390113831