A Xunta inviste máis de 1,8 M€ na renovación do firme en seis estradas autonómicas de Pontevedra

A Xunta de Galicia vén de adxudicar por máis de 1,8 millóns de euros as obras de renovación do firme en varias estradas autonómicas ao seu paso por oito concellos das comarcas de Caldas, O Salnés e Pontevedra.
A intervención desenvolverase nas vías PO-548, VG-4.2, PO-224, PO-305, PO-316 e PO-223, nos municipios de Caldas de Reis, Cambados, O Grove, Pontecesures, Pontevedra, Ribadumia, Valga e Vilagarcía de Arousa.
O obxectivo destes traballos é mellorar as condicións funcionais das estradas e incrementar a seguridade viaria en distintos treitos da rede autonómica.
As obras, adxudicadas á empresa Marconsa, Movemento de Áridos e Construcións de Arousa, S.L., contan cun prazo de execución de seis meses e consistirán na rehabilitación superficial do firme.
Entre as actuacións previstas inclúense o fresado e reposición de capas en zonas deterioradas, o selado de fendas con mestura bituminosa e a renovación da capa de rodadura para mellorar a durabilidade do pavimento.
Ademais, tamén se levarán a cabo actuacións complementarias como a reposición da sinalización horizontal, incluíndo liñas, símbolos e outras marcas viarias nos tramos afectados.
Desde a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas sinalan que estas actuacións forman parte da aposta por mellorar a rede viaria autonómica, reducindo custos de mantemento a longo prazo e reforzando a seguridade.
Neste sentido, destacan que a Xunta acadará este ano un novo récord histórico de investimento en conservación de estradas autonómicas, cun total de 71,6 millóns de euros.