A Xunta lanza axudas de case 4 millóns para impulsar a innovación e sustentabilidade do comercio

A nova convocatoria de 2026 incorpora trámites máis áxiles, amplía o período subvencionable e eleva as axudas ata o 90 % para negocios adheridos a Vilas Vivas
sostenibilidad
10 Jan 2026

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de 2026 das axudas para impulsar a innovación e a sustentabilidade do comercio local e artesanal, cun orzamento de 3,95 millóns de euros e tres liñas de apoio compatibles entre si.

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, presentou a iniciativa durante unha visita en Ourense ás tendas Turini Sport e Amodo, beneficiarias destas achegas en convocatorias anteriores.

Entre as principais novidades desta edición destaca a ampliación do período subvencionable, que pasa a incluír actuacións realizadas desde o 25 de outubro de 2025, así como a simplificación administrativa, coa esixencia de menos documentación e a axilización dos procedementos de concesión e dos pagos anticipados. Ademais, increméntase a intensidade da axuda do 80 % xeral ata o 90 % para os establecementos integrados no proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas.

A convocatoria enmárcase no Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030 e ten como obxectivo facilitar a adaptación do sector ás novas tendencias de consumo, promovendo a dixitalización, a modernización dos locais e o compromiso ambiental. Poderán beneficiarse comerciantes minoristas con tenda física e obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. O prazo de solicitude estará aberto do 16 de xaneiro ao 16 de febreiro.

No que respecta ás actuacións subvencionables, a liña de dixitalización inclúe a implantación e mantemento de páxinas web, ferramentas de posicionamento dixital, terminais de autopago, xestión de redes sociais ou loxística de comercio electrónico, cunha axuda máxima de 15.000 euros. A liña de modernización cobre reformas, melloras de imaxe, eficiencia enerxética e adquisición de equipamento, cunha axuda de ata 16.000 euros. Finalmente, a liña de sustentabilidade ambiental apoia medidas para reducir embalaxes e fomentar materiais reciclados, cun máximo de 2.000 euros por solicitude.

Durante 2025 beneficiáronse destas axudas un total de 728 negocios galegos, cun investimento global próximo aos 3,9 millóns de euros.

0.32656621932983