A Xunta lanza ConVivimos Digital, un programa de convivencia e uso seguro das tecnoloxías para 4.500 alumnos

Máis de 4.500 estudantes galegos de 9 a 17 anos poderán participar en ConVivimos Digital, o novo programa da Xunta para fomentar a convivencia dixital e o uso seguro da tecnoloxía, que se desenvolverá entre outubro e decembro en horario extraescolar.
extraescolares
29 Sep 2025

Máis de 4.500 alumnos e alumnas de entre 9 e 17 anos participarán este outono nas novas actividades extraescolares da Xunta para o fomento da convivencia dixital e o uso seguro das tecnoloxías. O Goberno galego destina máis de 1 millón de euros ao programa ConVivimos Digital, presentado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, no Parlamento esta mesma semana.

A iniciativa será gratuíta para as familias e enmárcase nos obxectivos da futura Lei de educación dixital, coa que a Xunta regulará o uso das novas tecnoloxías nas aulas.

As actividades desenvolveranse nos propios centros solicitantes entre o 13 de outubro e o 18 de decembro, en horario extraescolar, con dúas sesións semanais de dúas horas e grupos de entre 15 e 25 estudantes. O horario e os días de celebración decidiranse en cada centro.

Poderán solicitar a participación os centros públicos de Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP, tendo prioridade o alumnado en situación de maior vulnerabilidade educativa, social ou económica. O prazo de presentación de solicitudes, que deben facer as direccións dos centros a través da Sede Electrónica da Xunta, estará aberto ata o 9 de outubro.

O programa combina formación, obradoiros prácticos e actividades grupais orientadas a potenciar a cooperación, o traballo en equipo e unha convivencia respectuosa. Establécense tres niveis en función da idade:

Competencias dixitais básicas para alumnado de 9 a 11 anos.

Competencias medias para estudantes de 12 e 13 anos.

Competencias avanzadas para rapazas e rapaces de 14 a 17 anos.

A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa, promovendo aprendizaxes significativos e incidindo na educación en valores democráticos, a sustentabilidade e o coñecemento do contorno. O alumnado estará acompañado por persoal cualificado cun nivel axeitado de competencia dixital.

Este programa, financiado con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, súmase ás accións da Consellería de Educación para reforzar a competencia dixital do alumnado galego enmarcadas na Estratexia de Educación Dixital 2030.

⚙ Configurar cookies
0.26099300384521