A Xunta lanza en xullo unha nova convocatoria de bonos turísticos para mobilizar 2,5 M€ no outono

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego lanzará no mes de xullo unha nova convocatoria de bonos turísticos para mobilizar 2,5 millóns de euros no sector durante o outono. Trátase dunha nova edición do programa DescubreGaliciaenOutono, que busca fomentar o turismo interno e desestacionalizar a demanda.
A través deste programa, poranse á disposición máis de 16.000 bonos, cada un cun valor de 150 euros, dos cales o 40 % será financiado pola Xunta e o 60 % será achegado pola persoa solicitante. Cada persoa poderá solicitar un máximo de dous bonos, polo que investindo 180 euros poderá desfrutar de 300 euros en estancias ou servizos turísticos.
A Xunta investirá 1 millón de euros nesta edición, cun impacto previsto de 2,5 millóns de euros no conxunto do sector turístico galego. Os bonos estarán dispoñibles a través da web www.bonoturismo.gal e poderán usarse desde mediados de setembro ata o Nadal.
Poderán adherirse ao programa os establecementos de aloxamento e axencias de viaxes con sede en Galicia e inscritos no REAT (Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas). A adhesión dos negocios e a descarga dos bonos realizaranse tamén durante o mes de xullo, en datas que se anunciarán no DOG.
Desde a súa posta en marcha en 2020, esta iniciativa ten permitido mobilizar máis de 16,5 millóns de euros no sector turístico galego, con máis de 63.000 bonos emitidos.