A Xunta lanza o programa Activa I+G+i con 53 M€ para impulsar a transferencia e a colaboración público-privada

A Xunta de Galicia vén de anunciar a posta en marcha do programa Activa I+G+i, o primeiro paquete de axudas enmarcado no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, cun investimento inicial de case 53 millóns de euros. Así o confirmou o presidente Alfonso Rueda, quen subliñou que esta iniciativa busca “impulsar a transferencia de coñecemento e fomentar unha I+D+i colaborativa entre empresas e centros científicos”.
Segundo explicou, o obxectivo é mobilizar máis de 100 millóns de euros de investimento público e privado. As convocatorias estarán cofinanciadas pola Unión Europea a través do programa Galicia Feder 2021-2027.
As catro liñas de axuda
1. Convocatoria Nexos (28 M€):
É a máis ambiciosa na historia de Galicia para fomentar a colaboración público-privada en proxectos de I+D+i. Está destinada a impulsar a cooperación entre PEMEs e centros de coñecemento en sectores estratéxicos. Estímase que permitirá apoiar 50 proxectos e 200 beneficiarios ata 2028.
2. Unidades mixtas de investigación (12 M€):
Dirixida a crear ou consolidar consorcios estratéxicos entre empresas e universidades ou centros tecnolóxicos. Prevese mobilizar 30 M€. Desde 2014, esta liña apoiou 54 unidades e xerou máis de 800 empregos.
3. Fortalecemento de centros tecnolóxicos (9,75 M€):
Inclúe investimentos para mellorar infraestruturas e equipos de investigación, cunha previsión de mobilizar 19,5 M€ ata 2028. Este ano, os centros poderán solicitar financiamento para obras sen ter que adquirir novo equipamento.
4. Recuperación da excelencia Neotec (3 M€):
Permitirá financiar proxectos innovadores que superaron as esixencias da convocatoria estatal Neotec pero quedaron sen apoio. As axudas, de concesión directa, apoiarán 10 proxectos con potencial para mobilizar 5 M€.
Rueda rematou destacando a importancia de que “a ciencia se conecte coa economía real” e subliñou que Galicia “está a consolidarse como un territorio atractivo para a innovación, cun ecosistema que aposta polo futuro e o coñecemento”.