A Xunta lanza o programa ‘Entrenar sen pantallas’ para promover ocio saudable a través do deporte

A Xunta pon en marcha o programa piloto Entrenar sen pantallas, gañar en saúde nos concellos de A Estrada, Cambados, Ribeira e Vilagarcía para promover entre a mocidade un uso responsable das pantallas
Educacion sin pantallas
9 Dec 2025

A Xunta de Galicia vén de presentar unha nova iniciativa destinada a promover hábitos de ocio saudable entre a mocidade a través do deporte. Os conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinaron un convenio coa Fundación Galega contra o Narcotráfico (FGCN) para poñer en marcha o programa Entrenar sen pantallas, gañar en saúde.

Este proxecto piloto desenvolverase nos concellos de A Estrada, Cambados, Ribeira e Vilagarcía de Arousa, onde se seleccionarán tres clubs deportivos —de fútbol, baloncesto e ximnasia— co obxectivo de chegar a arredor de 500 rapaces e rapazas de categoría infantil, así como ás súas familias. O programa inclúe sesións de presentación ás familias e formación específica para o persoal adestrador encargado de impartir as actividades.

A iniciativa céntrase no desenvolvemento de competencias emocionais e relacionais, na sensibilización sobre os riscos dun uso abusivo das pantallas e na promoción do benestar dixital. Ademais, pretende fomentar o deporte como alternativa de ocio activo e ferramenta para o desenvolvemento integral, ao tempo que facilita a detección temperá de condutas adictivas vinculadas a Internet, redes sociais ou videoxogos.

Segundo o convenio, a Consellería de Sanidade financiará a fase piloto cun investimento de 22.200 euros e achegará recursos e información específica. Pola súa banda, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Escola Galega do Deporte, encargarse da formación das persoas adestradoras e de promover a adhesión de clubs ao programa. A FGCN coordinará as actividades e desenvolverá os materiais didácticos en colaboración co Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Entrenar sen pantallas, gañar en saúde súmase así ao programa Entrena a túa saúde, dirixido a persoas maiores de 60 anos, que se iniciou como experiencia piloto en 2022 e que xa está presente en máis de vinte concellos galegos. Ambas accións forman parte da estratexia da Xunta para impulsar a actividade física como ferramenta de benestar ao longo de toda a vida, dentro do plan Galicia Saudable, activo desde 2012.

⚙ Configurar cookies
0.24174499511719